Oficina CEER
 10-04-2008
As empresas buscan persoal cualificado entre os futuros enxeñeiros do campus de Vigo

“En relación ao ano pasado tivemos un aumento importante con respecto non só da cantidade, que tamén, senón o que é máis importante, da calidade das empresas que estes días están intentando orientar aos nosos estudantes de cara ao seu futuro laboral”. Así definiu o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, a oita edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, que este mércores se inaugurou oficialmente no vestíbulo da ETS de Enxeñeiros de Minas.

Conseguir información das principais empresas do sector e establecer unha primeira toma de contacto con elas. Este é o principal obxectivo dos numerosos estudantes que se achegan aos stands, acuden a conferencias, workshops ou mesmo a un pequeno almorzo organizado cos representantes das empresas. Son, sobre todo, estudantes dos dous últimos cursos das enxeñerías, pero tamén moitos alumnos pendentes do proxecto fin de carreira e que buscan unha empresa que se adapte aos seus obxectivos, ou recén titulados ávidos dun primeiro emprego.

O vicerreitor estivo acompañado no acto polos directores das tres escolas de enxeñaría do campus, a ETSE Industrial, Minas e Telecomunicación, así como polo director do Instituto de Desarrollo de Caixanova, Carlos Palleiro, quen de xeito anecdótico, animou aos estudantes “a rematar canto antes os vosos estudos que moitas empresas están esperando por vós”.

Ex-alumnos nos stands
Yudani Riobó e Rubén Morgade, atenden aos estudantes no grupo de empresas de novas tecnoloxías ITC. A súa presenza alí é un dos mellor alicientes para os estudantes, sobre todo para os de Telecomunicación, pois para algúns foron compañeiros de aulas. Riobó titulouse no 2004 e Morgade o curso pasado. Hoxe, ademais de presentar a empresa na que traballan, dan consellos sobre como buscar emprego.

“O importante é ter moitas ganas de traballar e facer unha busca orientada o campo que máis che guste”, comentaba Morgade. “Ademais, é moi importante ir facendo prácticas en empresas durante a carreira, pois son unha moi boa forma de ir coñecendo o mundo real, así como plantexarse facer o proxecto nunha empresa, que é un primeiro paso moi importante”, engadiu Riobó.

Cada vez máis iniciativas conxuntas
Pola súa banda, Iván Area, fixo tamén mención a outro tipo de iniciativas que se levan a cabo dende a Universidade para aumentar a interracción co sector empresarial. Como exemplo, citou as diferentes actividades organizadas coa colaboración do Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, ou o feito de ser a única Universidade que concede desgravacións docente pola realización de prácticas en empresas “sinal claro e inequívoco da aposta que facemos desde o goberno da Universidade para incrementar as relacións con empresas”, así como das diferentes iniciativas levadas a cabo nesta liña polo Consello Social da institución.

A visión das empresas
“As empresas que estamos aquí podemos orientar aos alumnos, sobre todo, dos dous últimos cursos”, comentaba Xosé Ortuño, xestor de Recursos Humanos de Repsol, unha das firmas que leva acudindo ao foro desde as primeiras edicións. “É importante estar aquí, non só polo enorme prestixio que teñen as enxeñarías de Vigo, senón porque queremos incorporar enxeñeiros galegos á nosa refinería da Coruña. Moitas veces os estudantes non se acercan ás diferentes empresas do sector por descoñecemento e esta é unha excelente oportunidade para contactar con eles”, explicaba.

Da mesma opinión son Raquel García e Carolina Pérez, da consultora multinacional Everis, que tan só na tarde do martes recolleron máis de 20 currículums. “Aínda que os perfís que máis se axustan son Telecomunicación e Industriais, tamén contactamos con algunha xente de Administración e Dirección de Empresas”, comentaba García. “Hai que ter en conta que neste tipo de empresas teñen cabida diferentes tipos de titulados”, engadía Carolina Pérez.

Entre os consellos que ofrecen, que son moitos, “hai que cambiar o chip de estudante a profesional e, logo, formular esa busca coma un emprego en si mesmo e despois, buscar moita información sobre o tema”, salientou Ortuño.