Oficina CEER
 14-04-2016
O 14º ENCONTRO UNIVERSITARIO DE DANZA CONTEMPORÁNEA CHEGA A VINDEIRA SEMANA A COMPOSTELA

O Teatro Principal acubillará o 20 e 21 de abril as funcións dun foro artístico pioneiro en Galicia e dos máis lonxevos de España.

O décimo cuarto Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un foro artístico pioneiro en Galicia e dos máis lonxevos do panorama universitario español, terá lugar os días 20 e 21 de abril no Teatro Principal de Santiago coa intención, nesta edición, de dar visibilidade ao traballo propio, unha produción cada vez maior e de probada calidade.

Nesta ocasión participan catro compañías nacidas ao abeiro do Espazo de Danza da USC – DanzaUSCompostela, DanzaUSC-Lugo, e as novas independentes Camiños e Efímero Divadlo– que, baixo a dirección de Juan Carlos Zahera nos campus de Lugo e de Santiago, presentarán distintas producións propias, xunto coa da Compañía de Danza da Universidade de Coruña.

Catorce anos despois da primeira edición, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria da institución académica compostelá. A creación e permanencia ao longo dos anos de dúas compañías propias nos campus de Lugo e de Santiago, así como a evolución de dúas formacións nadas ao abrigo da USC que agora comezan a súa andaina de xeito independente dan mostra das fondas raíces trenzadas pola danza na USC.

Programa
A compañía danza USCompostela xunto coa Orquestra do Espazo de Cámara da USC abrirá o mércores 20 de abril, a partir das 21.00 horas, o programa de representacións coa obra ‘O mesmo océano abrázanos longamente’, unha produción colectiva propia das dúas compañías que colaboran por primeira vez. De seguido, Efímero Divadlo porá en escena ‘Alien’, interpretada e corografiada por Daniel Lazso, e Camiños fará o propio con ‘Desconexión’.

O xoves 21 abrirá de novo a programación a nova produción de USCompostela xunto coa Orquestra da USC para continuar coa compañía da UDC Danza NORMAL e a súa produción ‘Rescate’. O encontro rematará ese día con danzaUSC-Lugo e ‘Tras a pel’.

A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións, previo paso pola billeteira do Teatro Principal a partir das 18.00 horas.

Fonte: xornal.usc.es