Oficina CEER
 15-04-2016
AS UNIVERSIDADES GALEGAS E AS DO NORTE DE PORTUGAL IMPULSAN O PROXECTO ‘MÚSICA E MOVEMENTO PARTILLADOS’

É a primeira vez en que as universidades galegas e as tres do norte de Portugal impulsan de xeito conxunto nun proxecto cultural común desta envergadura.

As tres universidades galegas xunto coas tres do norte de Portugal –Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto- traballan no desenvolvemento do proxecto de cooperación cultura eurorrexional ‘ Música e Movemento Partillados’, unha iniciativa que se inclúe no programa de actividades da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) que unirá as artes escénicas e musicais. A idea xorde da necesidade de compartir a cultura e a actividade artística xeradas nas seis universidades e de abrir unha canle de difusión cultural transfronteiriza que permita establecer sinerxías e fortalezas entre elas no ámbito da cultura.

Este programa, que ten vocación de continuidade cun desenvolvemento cada vez máis colaborativo, terá a súa primeira cita os días 14 e 15 de maio en Vila Real coa participación da Orquestra Clásica da Universidade de Porto, o Coro de Câmara da UTAD, o grupo de Percusión da Universidade do Minho, o grupo rock Cool Cucumbers da Universidade de Vigo, a Aula de Danza NORMAL da Universidade da Coruña e a Orquestra de Cámara e o Espazo de Danza da USC. As tres universidades galegas presentarán no Teatro de Vila Real en Portugal unha mostra das accións culturais que se están a desenvolver nos seus respectivos campus, nun evento aberto ao público. Xa de cara ao próximo ano, o obxectivo será que as Xornadas se desenvolvan en Galicia, con convidados portugueses.

Este evento abrirá a oportunidade de seguir colaborando culturalmente nesta e noutras liñas, como xa se materializou coa participación de membros da Orquestra do Espazo de Cámara da Universidade de Santiago de Compostela e da Orquestra Clásica da Universidade do Porto coa Orquestra da Universidade do Minho no Día da Universidade do Minho interpretando o oratorio A Creación de Haydn, iniciativa que xurdiu tras reunións de preparación desta proposta.

Como explican os seus promotores, trátase dun programa de grande interese e potencialidade, sendo a primeira vez en que as tres universidades galegas e as tres universidades do norte de Portugal se conxuntan nun proxecto cultural común desta envergadura. Este evento está patrocinado pola Universidade do Minho, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Fonte: xornal.usc.es