Oficina CEER
 20-04-2016
O MOMENTO DE CONSTRUÍR FUTURO ARREDOR DA SERIGRAFÍA E A LOITA CONTRA A AVESPA ASIÁTICA

A sede de AJE-Pontevedra recibe ao alumnado gañador dos premios Incuvi-Emprende no campus.

Ao longo dun ano, recibirán formación e asesoramento para desenvolver as súas ideas empresariais.

Dar forma a unha tenda-taller de serigrafía na que comercializar produtos téxtiles co humor como sinal de identidade e deseñar unha estrutura que permita a captura da avespa asiática, evitando así os seus ataques as colmeas. Estas son as ideas polas que as estudantes da Facultade de Belas Artes Lara Buyo e Ana Corujo e o alumno da EE Forestal Luis Miguel Abal foron premiados na quinta edición dos premios Incuvi-Emprende coa posibilidade de dispor dun espazo na sede de AJE-Pontevedra onde transformar as súas iniciativas nun proxecto empresarial. “É unha oportunidade de crear eles mesmos o seu futuro”, salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, na recepción que impulsores e patrocinadores deste programa da Universidade de Vigo realizaron ao alumnado do campus seleccionado.

Lag e FreeBee son os nomes das dúas iniciativas empresariais que ao longo dos próximos meses irán tomando forma nos espazos nos que, grazas ao patrocinio do Consorcio Zona Franca de Vigo e Siga 98, traballarán estes estudantes, co apoio e asesoramento que lles brindarán tanto desde a Universidade como desde a propia asociación empresarial. “Contarán cun seguimento polas dúas partes”, sinala Alejandro Martínez, director da Área de Emprego da institución académica, que salienta que este premio abrangue tamén a súa participación nunha serie de módulos formativos e “un seguimento e mentorización” de cada un dos proxectos.

Xunto a Corbacho e Martínez, participaron tamén neste acto a delegada do Consorcio Zona Franca, Teresa Pedrosa; o director de SIGA 98, José Ramón Carril; e a presidenta de AJE-Pontevedra, Lucía Pedroso, xunto co secretario da EE Forestal, Juan Picos, en representación de Abal, quen se atopa actualmente estudando na República Checa. “Penso que este é un momento clave en Galicia para apoiar o emprendemento, o coñecemento e o talento, que hai moito”, sinalou Pedrosa nunha recepción na que puxo en valor a importancia de iniciativas que contribúen “ao tránsito da Universidade a actividade empresarial”, como engadiu Carril. Por ese motivo, animaron ás premiadas a aproveitar a súa estadía nesta preincubadora e as “sinerxías que poidan atoparse aquí, onde estarán en contacto directo con empresarios e emprendedores”, como destacou Pedroso. Neste senso, o responsable da Área de Emprego salientou que o propósito final desta programa é que, transcorrido este ano, estas dúas iniciativas poidan ter desenvolvido o seu plan de empresa, co estímulo engadido de poder optar en 2017 aos premios Incuvi-Avanza, de consolidación empresarial para propostas vencedoras en anos anteriores. Uns premios, apuntou Martínez, “cos que comezamos este ano en Vigo e Ourense e nos que pretendemos incorporar a Pontevedra na convocatoria do vindeiro ano”.

Humor e creatividade como punto de partida
“Encántannos o humor e os xogos de palabras, é algo co que sempre traballamos ao longo da carreira”, salientan Buyo e Corujo, estudantes do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, do que é o punto de partida de Lag, o seu proxecto de crear unha “tenda-taller de serigrafía”, na que comercializar a súa propia liña de produtos téxtiles, sustentados precisamente no uso do humor, e na que ofrecer tamén á súa clientela “a posibilidade de asistir a talleres nos que poidan customizar os seus propios produtos”. Nese senso, recoñecen que para a posta en marcha desta iniciativa será preciso dotarse de “moita maquinaria”, motivo polo que poñen en valor o asesoramento que a súa estadía na preincubadora pode suporlles á hora “de desenvolver o noso plan de negocio e ver a viabilidade do proxecto”, así como de “aproveitar as sinerxías que poidan xurdir cos proxectos dalgúns compañeiros ou con algunha das súas ideas”.

Na defensa das colmeas
Deseñar e patentar “unha estrutura metálica para a defensa e a captura da avespa asiática nas colmeas de abella autóctona” é o eixo de FreeBee, o proxecto no que Abal agarda traballar intensamente na sede de AJE unha vez remate a súa estadía formativa no marco do programa Erasmus. “Despois de estudar as traxectorias da avespa unha vez ten capturada a abella, puxemos a proba un prototipo caseiro” para a captura da Vespa vellutina, relata este alumno da EE Forestal, quen xa traballa a distancia no desenvolvemento dun proxecto ao que sumou ao estudantes de Enxeñaría Industrial Enrique Navarro e aos técnicos Santiago e Juan Maquieira. “Na distancia é difícil a comunicación, pero aínda así entendémonos ben”, recoñece Abal dos primeiros pasos de FreeBee, centrados no deseño dun prototipo que actualmente “está a un 60%”. Por ese motivo, salienta a súa vontade de aproveitar “ata o máis mínimo detalle” a súa estadía en AJE para dar forma a un plan de empresa xa que, como engade, “non todos os días aparecen oportunidades de formación empresarial como esta”.

Fonte: duvi.uvigo.es