Oficina CEER
 27-04-2016
A UDC PARTICIPA NO I ENCONTRO EURORREXIONAL INTERUNIVERSITARIO EN PORTUGAL

Nos vindeiros días 14 e 15 de maio, a Universidade da Coruña participará no I Encontro eurorrexional interuniversitario “Música e movemento partilhados” que terá lugar en Vila Real (Portugal).

Este evento reunirá por primeira vez a todas as universidades públicas de Galicia e do norte de Portugal no marco dun proxecto de cooperación cultural eurorrexional coordinado pola Fundación CEER. A idea xorde da necesidade de compartir a cultura e a actividade artística xerada nas seis universidades e de abrir unha canle de difusión cultural transfronteiriza que permita establecer sinerxías entre elas no eido da cultura.

As tres universidades galegas presentarán no Teatro de Vila Real unha mostra das accións culturais que se están a desenvolver nos seus respectivos campus, nun evento aberto ao público e coa intención de que o vindeiro ano as xornadas se desenvolvan en Galicia con convidados portugueses.

Nesta primeira edición, cóntase coa participación da Orquestra Clásica da Universidade de Porto, o Coro de Câmara da UTAD, o grupo de Percusión da Universidade do Minho, o grupo de rock Cool Cucumbers da Universidade de Vigo, a Aula de Danza NORMAL da Universidade da Coruña e a Orquestra de Cámara e o Espazo de Danza da USC.

O evento conta co patrocinio da Universidade do Minho, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Fonte: www.udc.es

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Programa