Un total de cinco estudantes de Enxeñaría en Deseño Industrial da Universidade da Coruña, da Escola do Campus de Ferrol, competirán nun certame internacional de deseño con máis de 600 grupos, cun proxecto de casas prefabricadas e de baixo custe para refuxiados.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar a colocación das casas no centro das cidades para, deste modo, favorecer a súa integración na sociedade. A proposta parte dos estudantes Ánxela Barros, Adrián Coira, Ana Cotelo, Manuel de la Fuente e María Prieto que se marcan coma fin facilitar o acceso á primeira vivenda dos refuxiados antes de que se lles conceda unha vivenda definitiva. “Queriamos que este proxecto non quedase só nun traballo de clase e con este concurso vimos a posibilidade de facelo real”, explican os alumnos que contaron co asesoramento do profesor da UDC Eduardo Guillén durante o desenvolvemento do proxecto.
En concreto, a proposta destes estudantes que defenderán en Amsterdam no caso de chegar á final, denominada Dasy, resulta innovadora debido a un sistema de lamas de persiana que facilita a súa montaxe e optimiza o transporte. Exteriormente, o seu aspecto é similar á madeira, o que facilita a integración no contorno urbano.
A proposta competirá no certame “What design can do. Refugee challenge”, fronte a outros 600 proxectos de distintos países. O xurado do concurso internacional emitirá o seu fallo o día 1 de xullo, no marco do congreso “WDCD Live Amsterdam”. Os cinco finalistas recibirán o apoio de diferentes profesionais da Fundación IKEA e UNHCR, podendo acceder a diferentes obradoiros onde desenvolverán as ideas presentadas e se fabricarán os prototipos. Ademais, o proxecto gañador desenvolverase e porase en funcionamento no prazo dun ano. Actualmente, o concurso está en fase de desenvolvemento e contribución polo que os estudantes animan a todo o mundo a rexistrarse na web do concurso https://refugeechallenge.unhcrideas.org/Page/Home e colaborar con esta idea cos seus comentarios.
Fonte: udc.es