A I Xornada de Emprendemento Feminino na Universidade celebrarase a
vindeira semana na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
O obxecto do encontro é constituír un foro de encontro das mulleres
que están a protagonizar o panorama emprendedor.
Constituír un foro de encontro das mulleres que están a protagonizar o
panorama emprendedor da USC para coñecer as súas experiencias de
primeira man é o obxectivo da I Xornada de Emprendemento Feminino na
Universidade. O encontro, a celebrar o día 22 de abril na Facultade de
Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, é ademais unha das
primeiras accións acometidas pola Cátedra Bancaja USC de Mocidade
Emprendedora, constituída recentemente e orientada precisamente ao
emprendemento feminino.
A análise da situación actual do emprendemento dende a Universidade
mostra que, ao igual que ocorre na maioría dos casos, na USC prodúcese
un desequilibrio emprendedor de xénero, fronte á realidade do mundo
empresarial, no que a muller galega ocupa xa unha posición destacada
na posta en marcha de novas empresas.
Estas xornadas axudarán a amosar as iniciativas xurdidas dende a USC
para poñer en valor o papel desenvolvido pola muller na función da
Universidade como motor de cambio económico e social da súa contorna,
así como analizar o papel da muller na realidade empresarial galega,
tanto dende o punto de vista do emprendemento como da súa promoción
profesional a postos directivos.
Este encontro especializado servirá ademais para coñecer iniciativas
universitarias españolas pioneiras no fomento da cultura emprendedora
tendo en conta a perspectiva de xénero e coñecer os recursos ao
alcalce das mulleres para a posta en marcha dos seus proxectos
empresariais.
O programa do encontro vertébrase ao redor de cinco mesas de traballo
dedicadas a outros tanto temas como son a muller na universidade, no
mundo empresarial, o emprendemento feminino na Universidade,
emprendedoras da USC e recursos para o emprendemento feminino galego.
As distintas intervencións correrán a cargo de especialistas do Centro
Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero
(CIFEX), do Seminario Muller e Universidade, da Oficina de Igualdade
de Xénero da USC, de asociacións e federacións empresariais, de
diversas universidades españolas, así como de emprendedoras xurdidas
ao abeiro do programa Uniemprende da USC e de representantes da Xunta
de Galicia e do Concello de Santiago.