Oficina CEER
 21-04-2008
As redes temáticas europeas como experiencia educativa

A Universidade de Vigo, dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado, celebrará a vindeira semana un novo curso que afondará as experiencias formativas dentro das Redes Temáticas Europeas. Dirixido polo profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática, Juan Carlos Burguillo, esta actividade vense organizando nos últimos anos nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. Con esta actividade preténdese transmitir ao profesorado unha visión das diversas redes temáticas a nivel europeo e a súa utilidade na formación dos alumnos. Burguillo, que conta cunha ampla experiencia neste campo, é subdirector de Relacións Externas e Actividades da ETSE de Telecomunicación e apunta que “nos últimos 10 anos estiven participando en diversas redes temáticas relacionadas con enxeñaría eléctrica, información, informática e redes de comunicacións a nivel europeo e o que pretendemos e contar esta experiencia que resultou destas redes temáticas”. Estas redes consisten na agrupación dunha serie de profesores relacionados con algunha temática concreta e procedentes de toda Europa, tanto de universidades como doutras institucións. “Cando bota a andar cada unha das redes márcaselle un obxectivo concreto que ten apoiar a Comisión Europea” apunta.

No que se refire aos resultados destas experiencias, Juan Carlos Burguillo,explica que “algunhas das tarefas que había que facer dentro das actividades das redes, aproveitamos para incorporalas como parte de actividades optativas para o alumnado e isto foi moi útil no seu momento, tanto dende o punto de vista do resultado da rede como da experiencia dos estudantes. Isto debeuse sobre todo a que vían aproveitado ou recoñecido o seu esforzo e moitos dos traballos realizados na clase acababan nalgún servidor de internet vinculados coas tarefas que facíamos nestas redes”.

Tres redes dende 1996
O obxectivo deste curso, que se impartirá o vindeiro martes 22 a partir das 12.00 horas no Edificio Miralles, é dar a coñecer as posibilidades de participar en redes temáticas a nivel europeo e proporcionar aos docentes unha visión desta experiencia. Para isto, o profesor Burguillo fará un percorrido polas tres redes nas que participou, xunto cos seus alumnos, dende que estas experiencias botaron a andar en 1996. Segundo explica o subdirector de Relacións Externas e Actividades da ETSE de Telecomunicación, “a primeira destas redes, INEIT-MUCOM, que se desenvolveu entre 1996 e 2000 traballaba con temas relacionados coa docencia virtual, na época na que comezaban os campus virtuais, e consistía en desenvolver cursos aplicando novas tecnoloxías no campo da educación”. Posteriormente, cando se comezou a traballar no EEES, creouse a rede Theiere, que tiña como obxectivo avaliar os sistemas educativos a nivel europeo para determinar que mapa titulacións había en cada un dos países e como sería de sinxelo nos ámbito da enxeñaría eléctrica, a informática e as telecomunicacións a adaptación ao EEES. Na actualidade, “estamos traballando coa rede EIE-SURVEYOR coa finalidade de incidir sobre a acreditación e dar unha visión das demandas que a sociedade ten no ámbito no que traballamos a nivel europeo”, subliña.

De cara ao futuro, esta rede dará paso á súa sucesora o vindeiro ano que, probablemente, traballará no ámbito da mobilidade e do Erasmus Mundus, e a formación continua dos profesionais.