Oficina CEER
 13-07-2016
“GRACIÑAS MIL”, CARTA ABERTA A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

A profesora da Universidade de Santiago Blanca-Ana Roig Rechou escribe unha carta aberta en nome de diferentes colectivos especializados en Literatura Infantil e Xuvenil para manifestar o pesar pola perda de Agustín Fernández Paz e agradecer o legado que deixou á cultura galega en particular e á universal en xeral.

Querido Agustín, como dixo o teu amigo e poeta José Angel Valente Cuando el amor es gesto del amor y queda vacío un signo solo. Cuando está el leño en el hogar, mas no la llama viva. Cuando es el rito más que el hombre. Cuando acaso empezamos a repetir palabras que no pueden conjurar lo perdido.

quero, en nome dos grupos, asociacións e redes que dirixo ou coordino (Liter21, LIJMI e ANILIJ), e de ELOS e ELOS-Galicia, dirixidas por Isabel Mociño González e Eulalia Agrelo Costas, recordarlle á sociedade galega no día no que nos abandonaches fisicamente a débeda que sempre teremos contigo, pois non escatimaches esforzos e tempo para defender Galicia desde varias plataformas, por facer visible e axudar a conformar a Literatura Infantil e Xuvenil, polo teu bo facer en xeral e porque sempre soubeches consensuar e conseguir que estiveramos todos, coas nosas diferenzas, cómodos ao teu redor, en fin por todo o que nos deixas. Tentaremos seguir o teu maxisterio. Agora tócanos a nós visualizar o que ti querías, pero sobre todo a túa obra que, se ben é coñecida e recoñecida, merece que sigamos espallándoa polo mundo a partir de traducións e estudos para que os mediadores teñan as ferramentas precisas para crear lectores, o teu desexo máis forte. Prometemos seguir o camiño que emprendiches hai xa moitos anos. A túa obra é a que nos axudará neste camiñar e a que fará que nunca deixes de estar entre nós. Estamos seguras de que seguirás a nos guiar con acerto nesa andaina desde calquera parte do universo.

Inmensa gratitude.

Fonte: xornal.usc.es