Oficina CEER
 20-07-2016
UNIVERSIDADE, XUNTA E FEGAMP ASUMEN XUNTOS O RETO DE MELLORAR A TRANSPARENCIA NOS CONCELLOS

Salustiano Mato, Alfonso Rueda e Alfredo García asinaron este luns o convenio de colaboración.

Un equipo de especialistas elaborarán diferentes instrumentos e ferramentas como manuais e guías en liña.

Impulsar, difundir e mellorar a transparencia no ámbito local de Galicia. Este é o obxectivo do convenio asinado este luns entre a Universidade de Vigo, a Vicepresidencia da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, un acordo co que o executivo galego dota de apoio financiero á institución académica viguesa -40.000 euros- para continuar co apoio que xa se estaba a prestar aos concellos na mellora das súas obrigas en materia de transparencia.

O reitor vigués, Salustiano Mato; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, foron os encargados de rubricar o acordo nun acto celebrado na Reitoría e ao que tamén asistiu o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, e outras persoas implicadas no proxecto, entre elas o profesor Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN, equipo ao que se lle encargou a elaboración dun completo programa de propostas.

Facilitar o labor dos concellos, o gran obxectivo
“Este convenio permite aos nosos especialistas, a través do grupo Gen, traballar nunha colaboración intensa no desenvolvemento da transparencia das administración públicas e, máis concretamente, coa administración local e, por tanto, pola nosa banda só cabe dar as grazas tanto á Fegamp como á Xunta a confianza depositada nos nosos investigadores e investigadoras para desenvolver esta programación”, subliñou o reitor, que fixo tamén especial fincapé en que o traballo conxunto é o que posibilita “que sexamos quen de cada vez darlle unha mellor resposta” ás diferentes demandas dos cidadáns.

“O principal obxectivo é facilitarlle aos concellos todo o relacionado coa transparencia, que é unha obriga legal para todos”, subliñou pola súa banda o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que adiantou neste acto que o Portal de Transaparencia posto en marcha polo executivo galego hai apenas uns meses recibiu xa 27.000 visitantes “unha cifra que demostra o elevado interese que hai na cidadanía por coñecer todo o relacionado coas administracións que se sosteñen con fondos públicos”.

Nesta mesma liña o presidente da Fegamp fixo fincapé en que nestes intres a transparencia supón todo un reto para os concellos galegos por diferentes motivos, tanto polo proceso en sí como pola “precariedade de medios que temos para poder ser transparentes, pois ademais da vontade de ser transparentes, isto implica tamén a necesidade de contar con medios para colgar nas webs de cada un dos concellos todo o que hai que publicar, unha vez xa revisado, que é moito”, explicou García.

A dispersión xeográfica, un dos principais hándicaps
Entre as principais tarefas que terán que levar a cabo as investigadoras e investigadores do grupo GEN están a elaboración de instrumentos e ferramentas dirixidos aos concellos que faciliten o aproveitamento eficiente do espazo web de transparencia das administración locais galegas, como manuais e guías metodolóxicas, documentos tipo ou estratexias de implantación, entre outros. Neste senso, Concepción Campos, codirectora da Rede Localis e secretaria de goberno do Concello de Vigo, explicou que cuestións como o envellecemento poboacional ou a dispersión xeográfica propia de Galicia van supor “distintos hándicaps”, aos que se sumarán detalles tan relevantes como que canto máis pequeno é un concello “máis dificultades ten para acceder aos medios e aos recursos” para poder sumarse á transparencia.

“Con este convenio imos traballar para mellorar o portal da transparencia, xa posto en marcha; producir documentos propios e, por suposto, dar apoio e asesoramento espacializado ante esa escasez de medios e de recursos, pero tamén producir guías e outros instrumentos aos que se poderán acceder vía web, tamén os propios cidadáns”, subliñou Campos, que avanzou que no equipo participarán ademais dos expertos universitarios, secretarios e técnicos da administración local, “que coñecen de primeira man cales son as necesidades e posibles solucións que mellor poden atender aos máis de 300 concellos de toda Galicia”.

Transparencia na Universidade
Respecto á situación da transparencia na Universidade de Vigo, o reitor vigués lembrou que a institución académica viguesa conta co seu propio portal de transparencia no que hai información dispoñible “de todo”, e no que se poden atopar todas as cuestións relativas ás contas da Universidade, desde concursos públicos a contratos menores. “En todos os ránkings nos que se contemplan estas cuestións estamos a quedar moi ben posicionados, agora o que nos gustaría é mellorar a forma de viaxar pola web, no sentido de facela máis amable e doada”, engadiu Mato.

Fonte: duvi.uvigo.es