Oficina CEER
 22-07-2016
CONVOCATORIA DE AXUDAS DA AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe vén de publicar a convocatoria de axudas da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para a creación, posta en marcha e consolidación de Unidades Mixtas de Investigación correspondente ao ano 2016. Grazas ás dúas convocatorias anteriores téñense constituído xa 17 unidades deste tipo.

O obxectivo desta convocatoria é crear e consolidar grupos mixtos de traballo entre organismos de investigación e empresas que se convertan en catalizadores do desenvolvemento de liñas de I D i desenvolvendo proxectos de alto impacto intensivos en coñecemento. Deste xeito, perséguese pór en valor grupos de investigación; aproximar os organismos de investigación á empresa; atraer cara Galicia liñas de I D i e incentivar a transferencia de resultados de I D i ao mercado.

Poden solicitar estas axudas as agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha empresa que teñan constituído unha unidade mixta de investigación para o desenvolvemento de forma conxunta e coordinada de actividades de I D i durante un período mínimo de 3 anos. Considéranse organismos de investigación susceptibles de ser beneficiarios desta convocatoria os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación de Galicia, as universidades do Sistema Universitario de Galicia, os centros en Galicia do CSIC e do IEO, as fundacións de investigación sanitaria e outros organismos de investigación. Ademais, as unidades mixtas deberán ter localización física propia, un orzamento mínimo de 2 millóns de euros para un período de 3 anos e estar centradas nunha área de investigación que esté aliñada cos retos e prioridades da RIS3.

A dotación total da convocatoria ascende a 5 millóns de euros a distribuír en catro anualidades, 2016-2019. O importe máximo de cada unha das axudas será de 1,5 millóns de euros e a intensidade media sitúase no 30% do orzamento total da unidade. Estas axudas están cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: GAIN