Oficina CEER
 22-07-2016
O VIII CONGRESO IBÉRICO DE HISTORIA DA EDUCACIÓN CITARÁ NO CAMPUS TERRA DA USC UNS 60 INVESTIGADORES ESPAÑOIS E LUSOS

As distintas sesións programadas no marco deste foro desenvolveranse do 8 ao 10 de setembro no auditorio da Casa do Saber e no Gran Hotel Lugo.

O VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación citará no Campus Terra da USC uns 60 investigadores de España e Portugal do 8 ao 10 de setembro de 2016. Esta reunión científica, organizada pola Sociedade Española de Historia da Educación, preséntase como unha ‘summer school’ que favorecerá o encontro de mozos investigadores e doutorandos con algúns dos máis prestixiosos especialistas da península Ibérica con experiencia e traxectoria neste ámbito, segundo sinala o profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado e presidente do comité organizador do congreso, Eugenio Otero Urtaza, que tamén é vicepresidente da Sociedade Española de Historia da Educación.

O obxectivo deste encontro é dar a coñecer as liñas de traballo emerxentes e favorecer un debate sobre fontes tradicionais e novas, metodoloxías e temas de estudo e investigación na Historia da Educación, indica Otero Urtaza. O presidente do comité organizador do VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación salientou asemade a intervención neste foro da catedrática da Universidade de Alcalá de Henares María del Mar del Pozo Andrés, que ofrecerá un relatorio co título ‘A Historia da Educación na España do século XXI: Tradicións, tendencias, retos e contradicións’.

Del Pozo Andrés participará na primeira quenda de intervencións deste foro, no que está confirmada a participación de 24 relatores de España e Portugal que abordarán nas súas respectivas intervencións temáticas asociadas ás distintas investigacións que están a desenvolver nas universidades peninsulares nas que desenvolven o seu cometido profesional. No caso da participación lusa, cómpre citar a Joaquim Pintassilgo, da Universidade de Lisboa, que abrirá o encontro coa presentación dun balance da produción científica desenvolvida en Portugal neste eido no marco do relatorio ‘Balanço da produção portuguesa (2009-2015): ou exemplo das teses de doutoramento’.

As distintas sesións de traballo celebraranse no auditorio da Casa do Saber e o Gran Hotel de Lugo, que serán as dúas sedes dun encontro co que os os historiadores da educación retoman uns debates que deixaron de celebrarse ao comezo da crise económica. O formato elixido para esta ocasión permitirá pór en contacto entre sí unha nova xeración que por primeira vez terán que someter os seus descubrimentos e afirmacións ao xuízo dos investigadores máis recoñecidos e veteranos.

A última edición deste foro monográfico desenvolveuse en setembro de 2009 en Paredes (Portugal), onde se acordou celebrar a próxima reunión na capital luguesa, lembra Otero Urtaza. Aínda que nos vemos en moitos congresos internacionais, engade, “nestas reunións podemos abordar un conxunto de temas comúns non só referidos á península Ibérica, senón aos imperios coloniais que mantiveron ambos os países, e ás influencias externas nos seus distintos matices, especialmente cando proviñan de Europa”.

Fonte: xornal.usc.es