Oficina CEER
 23-09-2016
FRONTE Á CRISE E ÁS POLÍTICAS NEOLIBERAIS, UNHA REIVINDICACIÓN DESDE A MILITANCIA DO TRABALLO SOCIAL

Este xoves arrancou no campus un curso de extensión centrado nesta temática.

Ana Isabel Lima analizou os retos aos que se enfrontan os profesionais ante o impacto da austeridade.

Nun contexto de crise económica e políticas de austeridade, os traballadores e traballadoras sociais apostan por adoptar unha postura “crítica e militanta”, en favor da universalización dos dereitos dos cidadáns en materia de servizos sociais e en contra das prácticas de “beneficencia” que está a levar a cabo o estado. Ana Isabel Lima, presidenta do Consejo General del Trabajo Social, entidade que representa a nivel estatal ao colectivo profesional deste eido, foi a encargada de inaugurar este xoves o curso Traballo social e servizos sociais ante o neoliberalismo e os novos escenarios do benestar e fíxoo cun discurso moi crítico sobre o acontecido no eido dos servizos sociais en España desde o inicio da crise.

O curso, o penúltimo da programación de extensión universitaria deste ano, está organizado polo docente da Facultade de Ciencias da Educación José Francisco Aguiar co obxectivo de “xerar un debate profundo e desde a profesión sobre o impacto da crise e das política neoliberais na sociedade”. Durante as tres sesións de traballo que se desenvolverán, explicou o director da actividade formativa, expertos de diferentes eidos achegaranse ao campus de Ourense para analizar desde a teoría e a práctica a relación actual entre servizos sociais, benestar e traballo social; para fomentar un exercicio profesional enfocado á defensa dos dereitos sociais da cidadanía e para deseñar estratexias e ferramentas para o fomento da acción comunitaria, do activismo, da defensa dos dereitos humanos e da transformación social como elementos definitorios do traballo social.

O desmantelamento do estado de benestar
Lima, presidenta tamén da Federación Europea de Trabajo Social, salientou na súa intervención como os servizos sociais naceron nos anos 80 cun horizonte de busca da súa universalidade “que aínda non se acadou”. No camiño cara ese reto, apuntou, a Lei de Dependencia en 2006 supuxo “un paso moi importante”, entre outras cuestións porque creaba un marco común para todo o estado, rompendo a heteroxeneidade entre as comunidades autónomas, e porque recoñecía o dereito subxectivo dos cidadáns a esa asistencia, á marxe dos orzamentos. Coa chegada da crise arredor de 2010, indicou, o “momento ilusionante” que se vivía entón no eido dos servizos sociais rematou e comezou “un desmantelamento do estado de benestar e dos sistemas de protección, entre eles os servizos sociais”.

“A chegada da crise foi tremendo para os servizos sociais”, recalcou a presidenta do Consejo General del Trabajo Social. Os recortes nos orzamentos e as políticas de austeridade, lembrou, producíronse “no momento no que precisamente a xente máis necesitaba os servizos sociais”. Mentres se recortaba un 30% o persoal neste eido e se deixaban de investir en catro anos 1800 millóns de euros en servizos sociais, indicou Ana Isabel Lima, produciuse un incremento do 80% da demanda destes servizos nun contexto de incremento da pobreza e da desigualdade, cun aumentou do 22% a pobreza, “o afundimento da clase media” e un de cada tres nenos en risco de pobreza ou exclusión social. “Producíronse os recortes nun momento moi duro para a cidadanía. As medidas de austeridade provocaron máis desigualdade e pobreza”, afirmou.

A vulneración de dereitos humanos
Neste contexto, e tomando como referencia os datos das enquisas feitas polo Consejo General del Trabajo Social a arredor de 1500 profesionais, Lima comentou como “a preocupación dos traballadores e traballadoras sociais pasou de ser a dependencia á pobreza e a exclusión social”. Segundo recollen estas enquisas, indicou, o 90% destes profesionais consideran que as medidas tomadas durante a crise cos recortes en servizos sociais “vulneraron os dereitos humanos”, afectando especialmente aos colectivos máis sensibles, como son as mulleres e os nenos. Durante a crise, comentou a relatora, o enfoque que se lle deu ao traballo social foi o da “xestión individual de casos fronte ao traballo en grupo, á acción social”.

A medida que se produciron os recortes e se comezaron a aplicar as medidas de austeridade, subliñou esta experta, produciuse unha privatización do sistema, pasando de ser un sistema público á presentación de servizos, primeiro a través da contratación de entidades do chamado terceiro sector e despois directamente de empresas privadas. “Este proceso de privatización vaise reflectindo logo nas leis”, advertiu a presidenta do Consejo General del Trabajo Social. O diñeiro que se tiña que ter destinado a reforzar o sistema público durante a crise, denunciou, destinouse a organizacións de carácter benéfico, "dando pasos atrás" e "creándose unha beneficencia pagada con cartos públicos". "O que nos preocupa é que detrás disto hai unha ideoloxía", advertiu durante a súa intervención.

“Os traballadores e traballadoras sociais non podemos converternos en controladores do sistema, traballando para que nada cambie. Temos que traballar por unha sociedade máis xusta", subliñou Lima. Os profesionais deste eido, indicou, deben ir máis alá das tarefas burocrática de tramitación de prestacións e desenvolver un traballo de acompañamento e de intervención, "loitando coa xente para transformar a sociedade".

Fonte: duvi.uvigo.es