Oficina CEER
 10-10-2016
A PRIMEIRA XERACIÓN DE ECONOMISTAS FORMADOS INTEGRAMENTE EN VIGO CELEBRA AS SÚAS VODAS DE PRATA

Elixiron como padriño ao catedrático, xa xubilado, José Luis Outes.

Volveron como "profesionais de prestixio" en docencia, banca, empresa privada e mesmo política.

Algúns permanecen no campus convertidos en docentes universitarios, outros optaron pola docencia no ensino medio, outros por desenvolver a súa traxectoria profesional no sector bancario, outros por facelo na empresa privada, e mesmo algúns se fixeron persoeiros públicos a través da adquisición de responsabilidades políticas. Este venres regresaron ao campus convertidos en profesionais de prestixio para celebrar xuntos as vodas de prata, os 25 anos da súa graduación como licenciados en Economía pola Universidade de Vigo, os primeiros en acadar esta distinción. A hoxe Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, edificio que a súa promoción non chegou a estrear, vestiuse de gala para acoller unha celebración, na que, sobre todo, houbo sitio para as lembranzas, os reencontros e, como non, a emoción.

Elixiron como padriño ao catedrático, xa xubilado, José Luis Outes, “por ser un docente excelente, porque foi dos profesores que máis clases nos deu e porque é unha persoa da que todos gardamos moi bos recordos”, explicou Lucy Amigo, unha das ex-alumnas, hoxe profesora titular de Economía Aplicada e vicedecana do centro. Xunto a ela moitos outros compañeiros de promoción, entre eles varios docentes (Jaime Alonso, Carlos Gradín...); a concelleira do Concello de Vigo e exconselleira da Xunta de Galicia Mª José Caride, ou a ex-concelleira Raquel Díaz.

Outes: “Foi unha promoción brillante, co tempo eu diría aínda máis, de grandes profesionais”

“Para min é unha gran honra ter sido elixido padriño, por varios motivos: primeiro porque foi unha promoción brillante, co tempo eu diría aínda máis, de grandes profesionais; en segundo lugar, polo feito de que oito membros desa promoción seguiron a carreira universitaria e hoxe forman parte do profesorado da facultade, achegando nalgún dos casos os niveis académicos máis altos”, subliñou intres antes de iniciarse o acto José Luis Outes, ao tempo que explicou que esta foi a primeira promoción que tivo a oportunidade de completar en Vigo a totalidade da licenciatura, xa que, pese a que en Vigo xa se levaban anos impartindo estudos de Economía, só había o primeiro ciclo e o segundo había que rematalo en Santiago de Compostela ou nalgún outro campus universitario español.

“Todos os períodos de transición son complexos, e máis aínda cando se trata de crear unha nova facultade. Había necesidade de dotala de novo persoal docente, de facer un novo plan de estudos que cumprise cun alto nivel de formación e que dera resposta ás necesidades sociais”, subliñou Outes, facendo fincapé en que “foron anos difíciles”, sobre todo porque, segundo explicou, naquela época a carreira docente na universidade pública non era competitiva coa empresa privada, pois era un momento de expansión onde as remuneracións para recen licenciados eran máis atractivas que a carreira docente ou investigadora. “Pero a pesares de todo, conseguimos que moitos dos mellores expedientes elixiran a Universidade e penso que iso foi un dos logros máis importantes”, recalcou o catedrático, que falou tamén do que denominou un “problema engadido”: as elevadas taxas de crecemento do alumnado “que en pouco tempo pasou de varios centos a 4000 estudantes nas dúas titulacións”.

Na súa intervención ante os seus exalumnos e alumnas Outes falou tamén da importancia de tomar medidas a longo prazo, non só na economía, senón no conxunto da sociedade. “A educación superior, a investigación, o coñecemento e a innovación tecnolóxica esixen actuacións permanentes e de longo prazo”, subliñou, ao tempo que sostivo que non ten sentido fomentar a investigación por curtos espazos de tempo. “É un contrasentido. Só mantendo políticas ao longo dos anos seremos unha sociedade moderna, máis xusta e máis solidaria”.

Do antigo CUVI á internacionalización da titulación
Os estudos de Economía comezaron no antigo Colexio Universitario de Vigo –nas instalacións da actual Facultade de Filoloxía e Tradución-, como parte da obra social da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, pero non foi ata fai agora 25 anos que os alumnos e alumnas tiveron a posibilidade de rematar neste campus a súa titulación. “Dende aquela producíronse moitos cambios importantes”, explicou o actual decano, Santiago Gómez Fraiz, que mencionou a construción da facultade e a consolidación do cadro de profesorado coma dous dos máis importantes. “Víñase dun plan de estudos do ano 1973, pasando polo do 1989 e, xa no 1994 aprobouse un novo, que se mantivo sen apenas cambios ata o 2001 que foi o que deu paso, xa no 2009, aos graos adaptados a Boloña”, subliñou o decano, quen valorou como “especialmente significativo” o plano do 1994, “pois foi o que estableceu a estrutura cuadrimestral e as prácticas experimentais xeneralizadas”.

Cara ao futuro, o decano defende que son varios os retos aos que se enfronta o centro: “acreditar o título, incrementar os xa altos niveis de calidade dos estudos e a internacionalización da titulación, entre os máis inmediatos”.

Fonte: duvi.uvigo.es