Oficina CEER
 30-04-2008
A Fundación CEER oferta unha praza de persoal técnico para a Oficina Antena da USC

A Fundación CEER ofrece unha praza de persoal técnico para xestionar durante un ano as actividades da Oficina Antena do Campus en Rede da Fundación na Universidade de Santiago.

O contratado deberá desenvolver tarefas de construción dunha Eurorrexión do Coñecemento incluíndo un Erasmus Eurorrexional; elaborar proxectos para a promoción, dinamización e desenvolvemento de iniciativas de carácter multidisciplinar na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e para a súa proxección exterior.

Terá ademais, entre outros cometidos, que xestionar e coordinar actividades de formación, investigación e extensión; realizar informes e asesoramento técnico de accións; crear bases de datos e bibliográficas e documentais; participar en proxectos para candidaturas de convocatorias europeas, estatais e rexionais e en proxectos de cooperación internacional universitarios; e xestionar os contidos da páxina web do CEER relativos á USC.

Por outra banda, colaborará na creación dun programa específico da Fundación CEER para a investigación, o intercambio científico e a cooperación exterior co fin de articular colaboracións e coordinacións en temas de transferencia de resultados de investigación cara ás empresas e a sociedade en xeral.

Requisitos
O candidato, con coñecemento acreditado de portugués e inglés, deberá posuír titulación universitaria e formación de posgrao, preferentemente no ámbito da candidatura, ademais de experiencia na xestión de proxectos de I+D+I ou educativos. Valorarase tamén experiencia en xestión de programas internacionais, en xestión telemática da información e en actividades de ámbito internacional.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria. As solicitudes, dirixidas ao director da Fundación CEER, serán enviadas por correo postal á Oficina CEER (Colexio San Xerome s/n, 15782, Santiago de Compostela). Máis información en xestion@fceer.org ou no teléfono 981563100 ext. 11117.