Oficina CEER
 25-10-2016
VIDEOXOGOS E EDUCACIÓN UNEN OS SEUS CAMIÑOS NO CAMPUS DE PONTEVEDRA

CCSS e da Comunicación acolle un congreso internacional sobre este eido, dentro do proxecto CREA S2i.

Unha "Game Jam" na Casa da Luz levará aos participantes a traballar durante tres días na creación dun xogo.

Analizar o potencial educativo dos videoxogos afondando nas diferentes fases do seu proceso de elaboración constitúe o obxectivo central do IV Congreso Internacional de Videoxogos e Educación (CIVE), que no marco do proxecto de especialización CREA S2i, desenvolverase entre o mércores 26 e o venres 28 da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa participación de especialistas e profesionais do sector de diferentes países. Un congreso que dedicará cada unha das súas xornadas a unha fase do proceso de construción dun xogo e que se verá complementado coa celebración, a partires do martes 25, dunha Game Jam na Casa da Luz, na que as persoas participantes traballarán durante tres días na creación dun xogo educativo.

Esta iniciativa, que mantén aberta a súa inscrición, ten como propósito que ao longo destes tres días “programadores, deseñadores, ilustradores e xente interesada no ámbito dos videoxogos” traballen e durman na Casa da Luz, onde, divididos en grupos, abordarán a creación dun videoxogo educativo para móbiles e tabletas, “na que a única restrición será o tema”, que non coñecerán ata o propio día do inicio. Así o explicou nesta xornada a co-presidenta do comité organizador, a profesora Beatriz Legerén, que deu conta desta actividade que se desenvolve en colaboración co Concello xunto á concelleira de Promoción da Cidade, Beatriz Gulías, nunha rolda de prensa na que tamén se presentou o encontro Rails Girls.

Tras tres días de traballo, os e as participantes nesta Game Jam deberán presentar as súas propostas na xornada de peche do CIVE, na que optarán a un premio outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), así como á posibilidade de desenvolver unha campaña de crowdfunding para obter os fondos precisos para desenvolver o seu xogo.

Tres días de debate nas diferentes fases do proceso
Xunto a Legerén, a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Maribel Doval e a decana de Belas Artes, Silvia García, presiden o comité organizador dun congreso internacional que, tras celebrar as súas primeiras edicións en Valencia, Cáceres e Bos Aires, desenvólvese por primeira vez en Galicia. Faino da man do grupo Alfás, que reúne a académicos e académicas de diferentes países que traballan no uso do videoxogo na aula e que celebrará ademais no campus a súa primeira asemblea, xunto coa facultade e a Vicerreitoría do campus, como lembrou Legerén dunha actividade que achegará á cidade a expertos e profesionais como o programador Michael Santorum, de Tequila Works; o artista 3d arxetino Gregorio D`Angelo; Pablo Boquete, do Instituto Escuela de Bellas Artes de Uruguay; Guido Giunti, da universidade finlandesa de Oulu ou a investigadora Graciela Esnaola, da Universidad Tres de Febrero da Arxentina.

Farao ademais poñendo o acento en cada xornada nunha das fases do proceso de creación de contidos dixitais lúdicos. Así, o mércores tocará abordar os aspectos da historia e a narración, mentres que o xoves as mesas de debate centraranse nas “regras e mecánicas, onde o protagonismo será para a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte”, como apuntou Legerén, e o venres pecharase afondando na ilustración, o deseño e a arte no videoxogo.

Ademais, esta última xornada completarase coa celebración, ás 17.30 horas, dunha mesa redonda que tratará de dar resposta á pregunta de se É posible unha industria de contidos dixitais en Galicia?, organizada polo Clúster do Audiovisual Galego. Así mesmo, estes tres días de debate veranse precedidos, o martes 25, pola Game Start, unha xornada de traballo para o profesorado, centrada en afondar na aplicación tanto dos videoxogos como “das técnicas de gamificación nas aulas, para a aprendizaxe de calquera tipo de disciplina”, como apunta a organizadora.

Fonte: duvi.uvigo.es