Oficina CEER
 07-05-2008
Vigo acolle os Campionatos de España Universitarios de Vela e Taekwondo

En plena carreira por lograr a Universiada de 2013, Vigo acolle esta fin de semana os Campionatos de España Universitarios de Vela e Taekwondo, que traerán á cidade a preto de 300 deportistas de 71 universidades españolas. Simultaneamente, Pontevedra acollerá a modalidade de Orientación, mentres que a de remo tivo lugar a pasada semana en Castrelo de Miño, Ourense. A Universidade de Vigo é unha das favoritas na modalidade de taekwondo a nivel estatal, é a actual campioa por equipos, un logro que xa conseguira tamén na anterior edición. No caso da vela, batéronse records de participación, xa que se superaron as 18 tripulacións que se establecen como máximo segundo o Regulamento Técnico do Campionato.

Segundo sinalaba a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, “a implicación da Universidade nestes campionatos é máxima e, en ambos casos, a participación supera todas as expectativas”. Algo no que tamén fixo fincapé o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, quen ademais quixo facer fincapé nas “inigualables posibilidades da Ría de Vigo para a vela”.

Taekwondo no campus
O campionato de taekwondo terá lugar nas instalacións deportivas do campus. Neste caso o obxectivo é repetir os éxitos acadados nas pasadas edicións, xa que entre os 14 participantes que presenta a universidade viguesa case todos teñen opcións de medalla. “As nosas expectativas para as probas son manter este liderado, sinalaba Merce Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekwondo”. “Non hai que esquecer que se trata dunha das seccións máis fortes coas que contamos”, recalcou a vicerreitora. O equipo vigués conta entre as súas filas con Lúa Piñeiro na categoría superlixeiro feminino; Fernando Rascado, en superlixeiro masculino; Eric Benito, en mosca masculino, e Nazareth Tilve, mosca feminino. O concelleiro de Deportes lembraba precisamente a emoción que lle produciu o pasado ano, cando acudiron á Universiada de Bankgok 2007, atoparse cunha deportista representando a España que proviña da Universidade de Vigo, “era Lúa Piñeiro”.

Vela en Punta Lagoa
O campionato de vela era unha cita obrigada desde o momento en que constitúe un dos principais atractivos para unha posible Universiada. “De feito, un dos reclamos que lles puxemos ás delegacións que nos viñeron visitar foi contar cunha magnífica ría moi apta para este tipo de competicións”, salientaba Mª del Carmen Cabeza. A tripulación de Vigo, con serias opcións de obter medalla, estará formada por catro participantes: María Grobas, actual subcampiona da Copa de España de 420, como caña, Jorge Ríos, Clara Giraldo e Valentín Martín. As universidades de Alicante, Barcelona e Valencia serán, a priori, as principais contrincantes.

Gran demanda de Vigo para ser sedes de campionatos Segundo se destacou no acto nestes momentos todos as miradas das federacións españolas están postos na cidade viguesa para celebrar campionatos de España. O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, sinalaba que “por primeira vez nos choven ofertas de ser sedes para optar a campionatos de España a fases de ascenso. Esta mesma fin de semana xogáronse dúas fases de ascenso de volei e balonmán feminino”, indicaba. Ademais, tamén fixo fincapé que a partir do proxecto da Universiada, “os lazos da Universidade e a cidade a través do deporte están máis ca consolidados e, no futuro, seguro que emprenderemos moitos proxectos en común”. A presentación dos campionatos contou tamén coa presenza de José Ángel Rodríguez, presidente da Federación Galega de Vela, e Estanislao Durán, vicepresidente do Club de Vela Punta Lagoa.