Oficina CEER
 27-10-2016
O CONSELLO DE GOBERNO APROBA A REESTRUTURACIÓN DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Coruña, 26 de outubro. O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou esta mañá, na súa sesión ordinaria, a Proposta de racionalización de estruturas académicas da UDC, por 28 votos a favor, 11 en contra, 1 branco e 2 nulos, nunha votación secreta a petición de seis dos membros do Consello.

A votación foi precedida dun longo debate en que houbo 18 intervencións “todas construtivas e cunha actitude propositiva”, segundo definiu o reitor, Julio Abalde, na rolda de prensa posterior á sesión de goberno. Abalde manifestou o seu “agradecemento a todo o profesorado e ao persoal de administración e servizos pola culminación dun proceso de reestruturación deste calado que nunca é doado”. “A Universidade da Coruña queda cunha estrutura moderna, flexible e máis eficiente para facer fronte aos retos futuros en mellores condicións”, valorou o reitor.

A proposta que se aprobou esta mañá supón a redución de 13 vicedecanos/as ou subdirectores/as de centros e a supresión de departamentos que pasan de 43 a 26. Estas medidas terán uns efectos económicos que se cuantifican nun aforro directo duns 157.000 euros máis outros 400.000 euros de custes indirectos pola supresión da redución da carga docente dos profesores que ocupaban os cargos suprimidos.

Este proceso, que comezou en maio de 2015, non é, como dixo o secretario Xeral, Carlos Aymerich, “un punto e final senón un punto e seguido porque a adaptación a un contorno cambiante é un proceso continuo”. Aymerich explicou aos medios de comunicación que os cambios faranse efectivos nas seguintes eleccións de centros e departamentos que se convocarán antes de finais de ano, prevíndose que no primeiro cuadrimestre de 2017 estea completada a actualización. A Proposta de racionalización de estruturas académicas da UDC foi un proceso dialogado e consensuado con todos os estamentos implicados desde a aprobación en Consello de Goberno de xullo de 2015 do Procedemento a seguir. Neste procedemento non se incluía o debate en Claustro que se produciu este mesmo mes e que se convocou por decisión expresa do equipo de goberno que preside Julio Abalde. Neste sentido, o reitor enfatizou que “actuamos con transparencia, información e diálogo con reunións con todos os que así o solicitaron e coa incorporación da maioría de enmendas presentadas nos diversos prazos que se abriron ao efecto”. O reitor comentou que onte, martes 25 de outubro, recibiuse no Rexistro da UDC no Campus de Ferrol unha petición asinada por catro profesores, un deles membro do Consello de Goberno, na que se solicitaba a retirada da Proposta da orde do día da sesión de Consello de Goberno de hoxe. Ao respecto, Abalde manifestou que “os que traballaron neste proceso non se merecían que por unha petición extemporánea se retirase da orde do día sen máis argumento que debatelo no seo da universidade”. “É unha mágoa que no Claustro en que se contrastaron as ideas da comunidade universitaria sobre este tema e do que saíron algunhas modificacións ao texto que se aceptaron, non se dixese o que si se dixo nunha rolda de prensa varios días despois”, lamentou o reitor, en alusión á rolda de prensa convocada por estes catro profesores o pasado luns e na que se criticou o proceso.

A Proposta de racionalización de estruturas académicas da UDC é froito do traballo da Comisión de Estudo para o Plan de Racionalización de Estruturas Académicas, CEPREA, presidida polo vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente, Alberto Valderruten, e na que estaban o vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, o secretario Xeral, Carlos Aymerich, e todos os decanos e directores de centro, representantes do persoal de administración e servizos e do estudantado, así como oito directores de departamento con voz pero sen voto, nunha composición aprobada tamén en Consello de Goberno. O obxectivo da reestruturación é a mellora da docencia, o impulso á transferencia de coñecemento e de investigación e a consecución dunha estrutura administrativa máis eficiente, áxil e flexible. Este Plan supón a primeira reforma de calado da estrutura da UDC nos seus 27 anos de existencia. A UDC conta con 22 centros universitarios propios e 3 adscritos, a maioría dos cales teñen menos de 500 alumnos fronte a outros con máis de 2.000. O Plan propón uns criterios obxectivos para que a composición dos seus equipos directivos sexa proporcional. No que respecta aos outros puntos da orde do día do Consello de Goberno, Abalde informou na sesión de hoxe do convenio asinado coa empresa Inditex para a posta en marcha do programa InTalent que permitirá a contratación de investigadores de relevancia internacional. Tamén se tratou o tema do acceso á Universidade que preocupa e no que se está traballando conxuntamente coas outras universidades galegas e coa Xunta, e a próxima convocatoria de contratación de varias prazas de profesorado por diversas necesidades docentes.

Fonte: www.udc.es