Oficina CEER
 07-11-2016
UNHA TESE SALIENTA A NECESIDADE DE QUE O GOBERNO ADOPTE MEDIDAS PARA MELLORAR A INTEGRACIÓN DAS PERSOAS ESTRANXEIRAS

A autora investigou o sistema de protección e garantías xurídicas dos dereitos dos inmigrantes.

A exclusión do acceso á totalidade dos dereitos básicos é un factor que impide a conquista da cidadanía.

Asociando a súa experiencia persoal como inmigrante coa súa formación en Dereito a xurista Hylma Alcaraz decidiu investigar sobre o sistema de protección e garantías xudiciais dos dereitos dos inmigrantes en España e o resultado é unha tese de doutoramento na que se certifica que, se ben este país non obtén malos resultados no ranking de nacións con boas políticas de integración, hai varios aspectos nos que aínda lle queda moito por mellorar, sobre todo no que se refire ao mantemento nos programas de integración, independentemente dos cambios da política interna, e ao reforzo das medidas antidiscriminatorias. “Os aspectos a perfeccionar son múltiples, especialmente agora que a cuestión inmigratoria volve a ser unha preocupación prioritaria en Europa debido aos conflitos políticos e bélicos do mundo árabe que están xerando un novo éxodo de inmigrantes cara a Unión Europea”, apunta a autora da tese.

Defendida na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e dirixida pola catedrática Almudena Bergareche, a tese fai fincapé en que a Constitución española recoñece a “case” totalidade dos dereitos fundamentais aos estranxeiros e estranxeiras –dereitos humanos e algúns dereitos civís e sociais- pero, a súa exclusión doutros impide a conquista da cidadanía “e sen cidadanía non hai integración”, subliña a investigadora, que fai fincapé en que si o obxectivo das políticas inmigratorias é permitir a integración das persoas estranxeiras na sociedade de acollida e, se esta integración está condicionada ao pleno exercicio dos dereitos fundamentais, a exclusión dos estranxeiros en canto ao acceso dalgúns dereitos “pon de manifesto que as medidas adoptadas polo goberno para a súa integración non son todo o eficaces que deberían ser”.

Restricións nos dereitos políticos e de acceso ás funcións públicas Entre os dereitos de cidadanía que non son recoñecidos en España ás persoas estranxeiras Alcaraz cita como exemplo os dereitos políticos, xa que, se ben a Constitución autoriza o dereito do sufraxio activo e pasivo nas eleccións municipais, esixe que haxa reciprocidade, pero na práctica apenas hai asinados acordos deste tipo, xa que, segundo apunta a investigadora, entre outras cousas, moitas destas persoas proceden de países non democráticos e, ademais, poucos países democráticos queren estender este mesmo dereito aos españois. “Sen participación na vida pública non hai integración”, insiste a doutora.

Outro exemplo de limitación dos dereitos da cidadanía é o acceso ás funcións públicas, xa que a lexislación actual establece restricións cando o posto de traballo implica o exercicio de poderes públicos ou a responsabilidade na salvagarda dos intereses do Estado español.

Liñas de actuación prioritarias
Entre as principais medidas que deberían adoptarse para mellorar esta situación a autora da investigación apunta cara a necesidade de capacitar ao funcionarado das axencias de inmigración para prestarlle unha mellor atención ás persoas estranxeiras e facilitarlles a súa inserción laboral a través da mellora nas súas oportunidades de formación. “Isto conleva mellorar as canles de comunicación con difusión de información, se ben neste sento os elevados índices de desemprego que hai en España dificultan a inserción laboral deste colectivo”, apunta Alcaraz.

Ademais da necesidade de reforzar as medidas antidiscriminatorias e garantir o trato igualitario, “que é o obxectivo prioritario das políticas comunitarias de inmigración”, a autora da tese pon sobre a mesa outro aspecto que considera como “básico e prioritario” e que fai referencia á necesidade de educar en valores. “Con isto quero dicir que a sociedade debe ser consciente da interculturalidade que hai en España, e en toda Europa, e recibir ao estranxeiro como un novo membro e non como inimigo ou delincuente”, engade a investigadora.

Falta “formación aos formadores”
Comparando o acceso aos dereitos básicos e as medidas de integración adoptadas por España e Portugal, a tese constatou que o país luso está en primeiro lugar no ranking dos novos países de inmigración, “con sorprendentes resultados na xestión da integración”. Para chegar a esta conclusión traballou cos criterios empregados no Informe sobre Políticas de Integración (MIPEX –Migrant Integration Policy Index-): inserción no mercado laboral, educación, residencia de longa duración, medidas antidiscriminatorias, reagrupamento familiar, participación político e acceso á nacionalidade.

“Con base a estes criterios España apenas se destaca por facilitar aos estranxeiros a adquisición do título de residente de longa duración e, aínda que se facilita o acceso á educación, falta ‘formación aos formadores’ para lograr unha maior sensibilización sobre cuestións relacionadas á interculturalidade”, subliña a investigadora, que recalca o feito de que “en todos os demais sectores hai moitos obstáculos impostos pola lexislación, o que impide que a persoa que vén de fóra se integre como membro de pleno dereito”.

En primeira persoa
Filla de pai español e nai brasileira, Hylma Alcaraz considérase unha “cidadá do mundo, teño varias patrias e non teño ningunha”. Seu pai, catalán, marchou a Brasil e nunca máis volveu a España, e ela emprendeu o camiño contrario converténdose no que tecnicamente se coñece como unha emigrante retornada. Leva sete anos en España, sete anos que, ao seu modo de ver, corresponden a traxectoria de todo inmigrante: chegada a un novo país, aprendizaxe do idioma, busca de traballo, escolarización dos fillos, medo constante, desarraigo, ausencia de familiares e amigos, síndrome de Ulises, soidade, miradas desconfiadas da xente, actitudes xenófobas da comunidade nativa, camiños máis longos por falta de contactos... “Despois de todo isto podo dicir que xa me españolicei, se ben aquí me seguen a tratar como estranxeira, porque é imposible non decatarse do meu acento, e en Portugal, por ese mesmo xeito de falar, dinme que son española. Entre tanto, a Brasil non volvín máis”.

Fonte: duvi.uvigo.es