Oficina CEER
 23-11-2016
EXPERTOS EN SEGURIDADE ANALIZARÁN NO CAMPUS O PAPEL DE ESPAÑA E PORTUGAL NUN MUNDO GLOBAL

Fundación CEER e IEEE organizan os días 28 e 29 un foro sobre xeopolítica na Casa das Campás.

Na súa terceira edición, abordará cuestións como a gobernanza global, o Brexit ou a crise dos refuxiados.

Afondar nas relacións entre España e Portugal desde a perspectiva da seguridade é o propósito co que o Instituto Español de Estudos Estratéxicos (IEEE), xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) impulsaron en 2014 un foro sobre xeopolítica ibérica que, tras centrarse en primeiro termo na dimensión peninsular e, posteriormente, no contexto europeo, abordará na súa terceira edición o papel destes dous países nun mundo global. Farao os días 28 e 29 na Casa das Campás, nun curso organizado coa colaboración da Vicerreitoría do campus que reunirá a investigadores de diferentes universidades españolas e lusas, xunto con expertos do IEEE, co propósito de abordar temáticas como a gobernanza global, a incorporación destes dous países á ONU e á OTAN, os movementos transfronteirizos tralo Brexit ou a crise dos refuxiados.
“Portugal, o veciño co que compartimos a fronteira terrestre máis extensa, é desafortunadamente, unha materia pendente para a sociedade española”, sostén o capitán de fragata Federico Aznar, representante do IEEE e codirector das xornadas A xeopolítica ibérica na gobernanza globa: España e Portugal no mundo, que buscan precisamente poñer en valor “a importantísima e estratéxica relación” entre estes dous estados, “o moito que nos une e o moito que, desde o respecto á diversidade e a diferencia, podemos facer xuntos”. Neste senso, Aznar pon de relevo como a pertenza de ambos países en “organizacións políticas multilaterais”, ten contribuído a incrementar a colaboración entre dous estados entre os que hai unha “gran sintonía en cuestións de seguridade e defensa”, polo que destaca os "moitos beneficios mutuos que poderían obterse de compartir medios e recursos".

Dous días de debate e reflexión
Con inscrición gratuíta e abertas a todas as persoas “interesadas nas relacións internacionais en xeral e en Portugal en particular, así como en cuestións asociadas á seguridade e defensa”, o programa deste foro abrangue un total de once conferencias, nas que participan expertos das tres universidades galegas, Complutense de Madrid, San Pablo-CEU e Universidade do Minho, xunto con representantes do IEEE, dependente do Ministerio de Defensa, e do exército portugués.

Así mesmo, o foro conta tamén coa participación dos investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo, representada no programa deste curso polos profesores Enrique Varela, que na mañá do luns abordará nun relatorio a idea da “gobernanza global”, e polo profesor e defensor universitario da Universidade, Argimiro Rojo, que o martes ás 13.00 horas impartirá a conferencia de clausura, titulada O goberno mundial e a seguridade nacional: retos para un porvir máis humano.

Fonte: duvi.uvigo.es