Oficina CEER
 20-12-2016
UNHA COMUNIDADE UNIVERSITARIA UNIDA PARA CONDENAR “TODO TIPO DE VIOLENCIA MACHISTA”

A Escola de Enxeñería industrial, da que foi alumna Ana M. Enjamio, acolleu un acto de lembranza e denuncia.

O manifesto institucional insta ás autoridades a tomar medidas urxentes para erradicar os asasinatos de mulleres.

“Cada vez que unha muller morre asasinada por violencia machista empeoramos como sociedade, pois debilítanse os valores democráticos e de xustiza universal aos que todas e cada unha das persoas temos dereito”. Así conclúe o manifesto institucional lido este luns no acto de repulsa e condena da violencia de xénero celebrado na Universidade de Vigo tras o asasinato de Ana María Enjamio,ex-alumna da Escola de Enxeñería Industrial. O que fora o seu centro acolleu un minuto de silencio no que a comunidade universitaria quixo amosar o seu apoio e agarimo á familia e achegados da moza e denunciar a violencia exercida contra as mulleres. As concentracións tiveron lugar tamén na sede da EEI en Torrecedeira e nos campus de Ourense e Pontevedra.

A secretaria xeral da Universidade, Gloria Pena, foi a encargada de ler un manifesto no que a Universidade de Vigo “condena todo tipo de violencia machista” tras unha fin semana con tres mulleres asasinadas en España, dúas delas en Galicia. “A de Ana é unha vida máis truncada por querer ser unha muller libre nas súas decisións e por querer que esas decisións fosen respectadas. No seu camiño de liberdade foi brutalmente asasinada”, destacaba a Universidade no manifesto. O director da EE Industrial, Juan Pou, remarcaba que “estamos fallando como sociedade, hai algo que temos que cambiar”, porque este tipo de violencia machista “non ten sentido”. Lembraba que Ana María Enjamio e a súa familia fixeron un esforzo para que puidese estudar aquí e, “cando comezaba a súa carreira profesional, nun día trúncase todo, todas as súas ilusións”e, por iso, “todos e todas condenamos todo tipo de violencia, en especial a violencia de xénero, que hoxe nos toca sufrir moi de preto”.

Medidas urxentes para romper coas estruturas patriarcais que permiten os asasinatos machistas

O manifesto da institución académica insta a todas as autoridades competentes a tomar, “de xeito urxente e improrrogable, as decisións políticas necesarias para erradicar, dunha vez por todas, os asasinatos de mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas” e avoga polo compromiso da cidadanía, de todos e todas, para “romper colectivamente as estruturas patriarcais que permiten que este tipo de asasinatos machistas sigan sucedendo”. No texto tamén se salienta que a razón desta violencia non está en problemas particulares de homes violentos, senón nas relacións sociais de desigualdade “que é preciso combater dende todas as instancias públicas e privadas”.

Texto íntegro do comunicado institucional (): http://duvi.uvigo.es/images/stories/2016/decembro/comunicado%20ana%20maria%20enjamio.pdf