Oficina CEER
 26-12-2016
A UDC APOSTA EN 2017 POLA IMPLANTACIÓN DE NOVOS TÍTULOS ESTRATÉXICOS

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, presentaron esta mañá en Consello de Goberno o proxecto de orzamento para o vindeiro ano que terá que aprobar o Consello Social para que entre en vigor.

O orzamento da UDC de 2017 é de 119,45 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,69% con respecto ao ano anterior debido a que se consigna crédito para acometer a recuperación do complemento imputable á paga extra. No que se refire aos gastos, o gasto corrente previsto de capítulo I aumenta un 2,16%. O total ascende a 90,29 millóns de euros o que supón case un 75,59% do gasto total. Existe unha redución dos gastos correntes, un 5,09% menos, motivado pola aplicación de medidas de racionalización do gasto e polo comezo de aplicación de programas de eficiencia enerxética. O total ascende a 14,49 millóns de euros o que supón un peso do 12,13%. No apartado de investimentos reais existe un incremento neste capítulo, 20,78%, derivado da necesidade do financiamento de medidas ou investimentos conducentes ao aforro enerxético ou equipamento de obras e infraestruturas. As transferencias correntes ascenden a 2,76 millóns de euros que representa un 2,31%, incrementa un 12,35%. Cómpre destacar o maior impulso e apoio á internacionalización para o que se están destinando máis recursos e desenvolvendo máis programas. Tamén é moi importante a achega que se fai para o alumnado tanto en axudas directas (bolsas, bono-bus, residencias, mobilidade) como programas de apoio ao estudantado (actividades culturais e deportivas, oferta de servizos ou programas de orientación e asesoramento) e que ascenden en total a 1,9 millóns de euros. O fondo de continxencia (0,25 millóns) permanece inalterable.

Para facer fronte ao nivel de gastos, preténdese potenciar as vías de autofinanciamento, principalmente pola vía dos custes indirectos procedentes tanto de proxectos de investigación de concorrencia competitiva como de contratos de investigación, así como pola vía do patrocinio, subvencións e mecenado. Dentro deste apartado estímase tamén potenciar a captación de fondos nos conceptos de alugueres e compensacións por uso de locais, facturación por prestación de servizos de investigación, cánons, xestión de espazos para empresas. Neste apartado aparecen as taxas, prezos públicos que veñen condicionadas pola evolución da matrícula. Se ben se observa unha tendencia dun menor número de estudantes matriculados en todo o Sistema Universitario Galego, a Universidade da Coruña potenciará a creación de novos programas formativos para diferentes axentes como pode ser o caso da Universidade Sénior ou a teleformación.

Ademais, a Universidade da Coruña aposta pola implantación de novos títulos de grao e mestrado baseados nos campus de especialización e que intenten dar resposta ás novas necesidades sociais. Simultaneamente, debería servir para impulsar sectores estratéxicos para a comunidade autónoma. Neste sentido, tómase como exemplo o Campus Industrial de Ferrol, que conseguiu este curso 2016-17 incrementar a súa matrícula de novo alumnado nun 4,57%. A posta en marcha destes programas pode supoñer un incremento dun 6,57% dos ingresos e uns ingresos estimados de 16,35 millóns.

As transferencias correntes increméntanse fundamentalmente pola recuperación do complemento específico ou equivalente aplicado á paga extra. Supón un montante de 86,67 millóns e unha participación de 72,56%, o cal supón un incremento dun 1,66% con respecto ao ano 2016.

As transferencias de capital –que alcanza un montante de 15,62 millóns e representa un 13,08%- incrementan nun 4,91% destinándose unha boa parte ao financiamento de medidas de aforro enerxético e mellora das infraestruturas científicas.

As liñas estratéxicas continúan o seu desenvolvemento como son a calidade e innovación docente, a potenciación da investigación e transferencia, un maior compromiso coa internacionalización, un uso máis eficiente dos recursos (xestión das infraestruturas e da xestión económica e finalmente á potenciación do valor da marca UDC a través do desenvolvemento de programas de responsabilidade social e a atracción de investimentos de capital por medio do patrocinio e mecenado. Entre as principais accións desenvolvidas na UDC destaca o programa Espazo Compartido co mecenado de Universia e Banco Santander dirixido á mellora da accesibilidade á Universidade e a promoción de persoas con algún tipo de discapacidade. Tamén se está a promover a captación de talento a través de programas innovadores como é a acción de mecenado do programa InTalent tras o acordo ao que chegou a Universidade da Coruña e mais a empresa INDITEX. Este programa busca conseguir unha maior atracción de talento para a Universidade da Coruña.

No Consello de Goberno desta mañá aprobouse tamén un posicionamento de rexeitamento aos novos criterios estipulados pola ANECA para que os profesores poidan promocionar a Titulares e Catedráticos, ao entender que supoñen uns umbrais esaxerados para a realidade da universidade española e desmotivadores para o profesorado novo que dificultan que as universidades públicas poidan reter e captar talento. O reitor explicou que a Universidade da Coruña pedirá a través da CRUE, a anulación deses criterios e que se negocien outros coas universidades.

Fonte: www.udc.es