Oficina CEER
 26-12-2016
12 MESES PARA VISIBILIZAR O ESFORZO, O ÉXITO E A RESISTENCIA DA MULLER NA UNIVERSIDADE DE VIGO

A Unidade de Igualdade converte o seu calendario de 2017 nun recoñecemento ás mulleres.

Representantes dos ámbitos académico, institucional ou sindical protagonizan o anuario.

“Cando me animaron a que me presentase a ser a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación pensei no traballo e responsabilidade que supoñía nese momento porque tiñamos enriba da mesa o cambio das titulacións. A repercusión de ser a primeira directora vina despois polos medios e comentarios e fíxome sentir un chisco máis abraiada pola atención”. Así lembra a docente e investigadora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Edita de Lorenzo o seu nomeamento no ano 2009 como directora da EE de Telecomunicación, que se convertía así na primeira escola de enxeñaría da Universidade de Vigo en ser dirixido por unha muller. Se De Lorenzo foi a primeira directora dunha escola no ano 2009, unha década antes Mª Dolores Ojea chegaba á xefatura do Servizo de Contabilidade da institución académica, converténdose na primeira xefa da servizo da Universidade. “Tampouco fun nunca consciente de ser diferente, quizais porque no mundo da empresa privada da que viña estaba afeita a ser ‘a chica’ nun mundo de homes. Estamos falando dos anos 80”, sinala Ojea, que tamén lembra a sensación de vertixe dos primeiros días no cargo, en pleno proceso de rendición de contas.

Mentres, no caso da responsable de Xardinería, Piedad Suárez, converterse en 1991 na primeira delegada dunha sección sindical na Universidade é algo que lembra como “unha aterraxe nun mundo só de homes, ao que as mulleres estabamos chegando. Foi unha vivencia moi interesante na práctica política e sindical; moi enriquecedora no persoal polo utópico e ilusionante momento no que coincidiu. Eran os prolegómenos sindicais, e os primeiros e efervescentes anos da Universidade de Vigo”. Daquela época tamén é coñecedora a catedrática de Análise Matemática Margarita Estévez, a muller con maior traxectoria en cargos de representación institucional. Estévez foi entre 1990 e 1993 a primeira decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a partir de aí, presidenta da Comisión de Doutoramento; secretaria xeral e vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións (2010-2014), entre outros cargos. Con independencia da súa condición de muller, considera a súa implicación unha experiencia moi enriquecedora, “en particular as actividades de xestión académica desenvolvidas entre os anos 1990 a 2006 foron apaixonantes e nese período era bastante excepcional que unha muller ocupase cargos académicos como decana ou vicerreitora, polo que me sinto moi satisfeita de ter contribuído, visibilizando o noso traballo, na procura dunha sociedade onda todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades”.

Precisamente co obxectivo de intentar facer un mundo máis xusto para as mulleres, pero tamén para as minorías de xénero, naceu Brigantia, a cooperativa de iniciativa social feminista, galardoada este ano cun premio Incuvi. “Brigantia era unha idea que xa bulía nas nosas cabezas desde fai tempo, tiñamos claro que o rematar a carreira queriamos ter un traballo que nos satisfacera en todos os sentidos e onde puideramos desenvolver o que para nós é a educación social”, explica Rita Carreira, integrante de Brigantia, xunto a Lucía González, Belén Martínez de Carla Lohayne Mendes.

Xaneiro de Lynn Marguilis; febreiro de Lucía González; marzo de Piedad Suárez…. Edita De Lorenzo, Mª Dolores Ojea, Piedad Suárez, Margarita Estévez e Rita Carreira son cinco das mulleres que ilustran coas súas historias e imaxes outros tantos meses do calendario do ano 2017 elaborado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. O anuario, que este ano chega a súa quinta edición, “trata de recuperar unha historia común composta por mulleres e darlles visibilidade como exemplos de esforzo, de superación, de éxitos e de experiencias de resistencia”, explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade. A primeira honoris causa da Universidade, a catedrática de Bioloxía da University of Massachussetts Lynn Marguilis; a alumna con discapacidade visual de 4º curso do Grao de Traballo Social do campus de Ourense Lucía González; as primeiras egresadas do Centro Universitario da Defensa, María Concepción Bugatto e María Coral Gálvez; o equipo de fútbol sala feminino Parrulas; a directora do Centro de Investigacións Biomédicas, África González; a presidenta a asociación Aulas de Formación Aberta, Marina Troncoso; a primeira profesora emérita, Mª Victoria Carballo-Calero e as promotoras da cooperativa de iniciativa social feminista, Brigantia, proxecto gañador do premios Incuvi 2016, completan a relación de protagonistas deste calendario, que inclúe textos de Mar Cendón; deseño de María Rodríguez e fotos de Aitana Tubío.

En relación coa selección realizada para este calendario, González Penín, explica que se buscaron mulleres que destacasen por algún motivo, “non necesariamente académico. Son mulleres pioneiras en ámbitos moi masculinizados, mulleres exemplos de superación e mulleres destacadas pola calidade e rendemento do seu traballo. Mulleres que constrúen a memoria colectiva da institución nun relato concibido e transmitido en pé de igualdade”, detalla a directora da Unidade de Igualdade, que sinala a ausencia dun perfil de muller transexual, que considera moi necesario visibilizar.

Tanto as participantes, como a promotora da iniciativa destacan o gratificante de participar neste calendario, que as persoas interesadas poderán solicitar no enderezo electrónico igualdade01@uvigo.es ou ben descargalo neste enlace: http://www.uvigo.gal/opencms/export/sites/uvigo/sites/default/uvigo/DOCUMENTOS/igualdade/P1-160907-AS_ARTISTICAS-CALENDARIO_MULLER_2017_WEB.pdf

Fonte: duvi.uvigo.es