Oficina CEER
 09-05-2008
A Área de Normalización Lingüística convoca axudas á investigación en lingua galega

Coa finalidade de incentivar o uso da lingua nas actividades académicas e ao abeiro do convenio de colaboración vixente coa Consellaría de Presidencia da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo convoca axudas para a redacción e defensa en lingua galega de teses de doutoramento, teses de licenciatura, traballos de investigación tutelados de terceiro ciclo, traballos ou proxectos fin de carreira e traballos fin de mestrado. Esta convocatoria está dirixida aos estudantes que realicen a lectura e defensa do traballo durante o ano 2008 antes do 30 de outubro, data na que remata o prazo de presentación de solicitudes. Ademais inclúense as solicitudes que foron presentadas no último trimestre do 2007 e que non foron incluídas na resolución de setembro de 2007. Os alumnos de Filoloxía Galega e Tradución e Interpretación con galego como lingua A quedan excluídos da convocatoria por entender que, no seu caso, non é tan necesario incentivar a produción de investigación en lingua galega dada a natureza dos seus estudos e o seu compromiso lingüístico.

Requisitos da convocatoria
Os traballos deberán estar redactado en lingua galega de acordo coa normativa ortográfica e morfolóxica contida nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (18ª edición revisada, decembro de 2003), que recolle os cambios aprobados pola Real Academia Galega, para o que a Área de Normalización Lingüística ofrece un servizo de apoio e asesoramento lingüístico e terminolóxico consistente en servizo de consulta, corrección lingüística e tradución ao galego ata un máximo de 50 folios. A contía das axudas pretende sufragar os gastos de fotocopiado e encadernación dos traballos ata un máximo de 400 euros para teses de doutoramento, 150 para teses de licenciatura, traballos de investigación tutelados de terceiro ciclo e traballo fin de mestrado e 100 euros para traballos ou proxectos fin de carreira. Ademais da axuda en metálico, no caso das teses de doutoramento inclúese a edición de 50 exemplares en CD ou DVD.

Os interesados deberán presentar o impreso de solicitude dirixido ao vicerreitor de Relacións Institucionais xunto coa documentación requirida antes do 30 de outubro en calquera dos rexistros da Universidade de Vigo, sempre con posterioridade á lectura de defensa do traballo e previamente revisados lingüisticamente polo servizo de normalización (ANL).

Éxito da iniciativa
O éxito da iniciativa vai aumentando ao longo dos anos moi gradualmente, como confirma o director da ANL, Enrique Costas, “o número de solicitudes aumenta moi lentamente pero consolídase. Estamos aumentando o volume de axudas cada ano.”

Segundo o director da ANL nas últimas convocatorias observouse un ascenso notable tanto nas teses coma nos proxectos do ámbito científico e tecnolóxico “a pesar dos problemas que poñen, en principio, os directores ou titores xa que invitan a asistir á defensa dos traballos a profesores doutras universidades”, apuntou.