Oficina CEER
 26-05-2008
Crear, dirixir e innovar na empresa, eixos centrais dun máster pioneiro en Galicia

Formar profesionais cualificados na creación e dirección de empresas e na xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade, é o obxectivo fundamental co que o Máster Oficial en Creación, Dirección e Innovación na Empresa comezará a impartirse no campus a partir do curso que vén. Totalmente adaptado ao EEES, con este posgrao a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo quere posicionarse no mapa de titulacións ofertando unha formación pioneira en Galicia nun ámbito no que a sociedade demanda especialistas. De feito, a creación de empresas e a innovación constitúen dous dos piares máis importantes á hora de promover o desenvolvemento económico dunha rexión e polo tanto o seu benestar social. Hoxe en día, co grao de coñecemento e de novas tecnoloxías co que se traballa, a competitividade pasa por lograr unha boa optimización destes recursos polo que cómpre formar capital humano que saiba xestionalos. Ana Gueimonde, coordinadora do máster, explica que este está enfocado “á formación para o emprendemento e a creación de novos productos dun xeito máis específico que na licenciatura por unha banda, e por outra cara a xestión da innovación afondando nas ferramentas, técnicas, e conceptos relacionados coa tecnoloxía e a calidade”. A orientación do Máster CIDIE é, segundo explica Gueimonde, exclusiva no sistema universitario galego no que “hai unha gran demanda, de feito cando llo iamos presentando ás empresas que decidiron patrocinalo pareceulles moi necesario e cun enfoque moi necesario no mundo empresarial”.

Características do máster
O período de docencia do máster será dun curso académico, entre setembro de 2008 e xuño de 2009, no que se desenvolverán os 60 créditos teóricos, divididos nun primeiro módulo de 21 créditos ECTS sobre temas avanzados en xestión de empresas e economía, un segundo de 16 acerca da creación de empresas e por último, un terceiro de xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade, de 23 créditos. Ademais, desenvolveranse outros 30 créditos correspondentes ao ciclo de prácticas no que se aplicará todo o aprendido e se desenvolverán as competencias asociadas aos coñecementos “en empresas, institucións e centros de soporte á investigación e á innovación á vez que se realiza o traballo de fin de máster, que queremos que estea relacionado coas prácticas” comentou Ana Gueimonde. O posgrao conta con 25 prazas dirixidas “a calquera persoa de calquera titulación que teña interese nestes temas ou teña algunha iniciativa empresarial que queira desenvolver” dixo a coordinadora. Sen embargo para o proceso de selección, o alumnado sepárase en dous grupos. Por unha banda 15 prazas reservadas para aqueles que, a priori, teñen unha formación máis axeitada a este tipo de materias como poden ser licenciados en Administración e Dirección de Empresas, Economía, Enxeñaría Industrial e de Organización Industrial. As 10 prazas restantes son libres, pero a maiores do curriculum e o expediente académico que se lle esixe a todos os solicitantes, “pedímoslles un informe das súas motivacións e do seu interese para avaliar o seu perfil” puntualizou Gueimonde.

En canto ás datas de matrícula para os interesados, aínda non están concretadas porque dependen do prazo oficial que estableza a Universidade de Vigo, ao igual que o prezo, que en calquera caso se corresponderá con taxas públicas. Segundo a súa coordinadora, “isto supón unha das principais vantaxes dos másters oficiais, que son máis accesibles economicamente ademais de que teñen a súa calidade garantida pola ANECA”.

Premio ao mellor proxecto empresarial
Para a realización de prácticas vanse convocar bolsas propias para que o alumnado reciba unha pequena dotación económica. Xa hai moitas empresas interesadas en acoller aos alumnos “pero, ao longo do curso que vén, intentaremos amplialas para poder escoller as que mellor formación dean e que ofrezan máis garantías de contratalos tralo período inicial” explicou a coordinadora, Ana Gueimonde. Ademais, en colaboración con Caixa Galicia, convocarase un premio ao mellor proxecto empresarial para o alumnado do máster. A entidade financeira outorgará a dotación económica e a Vicerreitoría do campus porá a disposición do gañador un niño de empresa no Parque Tecnolóxico de Galicia durante un ano para que comece coa implantación da súa empresa. Tanto el como o resto dos alumnos contarán para a realización do plan empresarial co amparo dos profesionais do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Para máis información:
http://www.fcetou.uvigo.es/mastercidie/