Oficina CEER
 14-09-2017
ABERTOS OS PRAZOS PARA OS CURSOS DO ESPAZO DE DANZA DA USC

O Espazo de Danza do Campus de Compostela mantén abertos os prazos para matricularse en diversos cursos a desenvolver neste ano académico, todos recoñecidos con créditos ECTS.

Por unha banda, do 16 de outubro a 20 de decembro terá lugar o curso de iniciación á danza contemporánea, que impartirá Juan Carlos Zahera os luns e mércores de 14:30 a 16:00 horas na Sala Multiusos do Estadio de Atletismo. Tamén en outubro, e ata abril, desenvolverase o curso II de danza contemporánea a cargo de Xiana Vilas.

A danza tradicional galega ten tamén cabida na programación da USC, impartido por Alejandro Martínez nas modalidades de iniciación e avanzado en dúas quendas, unha de setembro a xaneiro e outra de febreiro a xuño. Pola súa banda, quen prefira a danza latina poderá matricularse nos diversos cursos (iniciación, intermedio e avanzado) a cargo de Miguel David Herrera.

Compañía de Danza
A compañía de danza universitaria da USC dedícase á creación e investigación do movemento e á composición coreográfica no ámbito da danza contemporánea, o que dará como resultado unha peza que se presentará posteriormente ante o público. A proposta final será o froito do traballo no curso II de danza contemporánea utilizando material traballado e a posta en común de propostas do alumnado.

Para formar parte da compañía é requisito participar no Curso II de Danza Contemporánea ou ter pertencido a ela en anos anteriores. A intervención na compañía será de outubro a maio, cando comezan as saídas a encontros, festivais e a propia participación do 16º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC.

Para matricularse ou acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua na Casa da Balconada ( Rúa Nova, 6) ou nos teléfonos 881 811 018 ou 881 811 318.

Fonte: xornal.usc.es