Oficina CEER
 13-11-2017
ESPECIALISTAS ACADÉMICOS E MILITARES DEBATEN SOBRE O PAPEL DE CHINA NO NOVO ESCENARIO MUNDIAL

A súa relación coa península analízase no campus nunhas xornadas en CCSS e da Comunicación.

Promovidas pola Fundación CEER, parten da análise das relacións xeoestratéxicas de España e Portugal.

En 1994, China superou por primeira vez no século XX o Produto Interior Bruto de España. 23 anos despois, xa supón preto do 15% do PIB mundial e os seus grupos económicos teñen cada vez unha “maior presencia en España”, apunta Federico Aznar, subdirector do Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE) e coordinador das xornadas que promoven na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación un debate respecto da importancia deste país asiático para España en Portugal nos eidos da xeoestratexia e as relacións sociais, económicas e políticas. Especialistas de diferentes universidades españolas e do eido da intelixencia militar participan, nas xornadas de xoves e venres, no curso A península ibérica, Europa e China, promovido pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais, coa colaboración do IEEE, dependente do Ministerio de Defensa.

“O mundo está cambiando e nós debemos cambiar con el”, salienta Aznar, quen na mañá deste xoves participou no acto inaugural deste curso xunto ao vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, quen destacou o valor de “iniciativas interdisciplinares”, como este curso, o director da Fundación CEER, Rubén Lois, e o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde, quen salientou a importancia de que “desde Galicia teñamos esa visión de cales poden ser os vieiros polos que vai decorrer a globalización”.

Dando continuidade a anteriores seminarios dunha fundación da que forman parte as universidades galegas e do norte de Portugal, dirixidos a afondar nas relacións entre España e Portugal desde a óptica de xeoestratexia, este curso suma ao debate “unha nova dimensión relacionada cos desafíos que se formulan no mundo globalizado de hoxe en día”, como sinalou Lois. Abordar o papel da península ibérica nun “novo contexto, nun mundo globalizado que é posible que faga virar o seu centro cara unha situación máis complexa, na que a China vai ter moitas cousas que dicir” constitúen, como sinalou o representante da Fundación CEER, o propósito central de dous días de debates nos que participan investigadores de universidades galegas e portuguesas, xunto co profesor da Complutense de Madrid Heriberto Cairo, analistas do IEEE e o ex-embaixador na China José Antonio Zorrilla.

Unha ruta por explotar

Escritor, director o diplomático José Antonio Zorrilla abordou nestas xornadas o reto que supón para España a nova ruta da seda. “Se miramos cara Francia e Alemaña, somos excéntricos, pero se miramos cara China, somos a outra punta do continente”, salientou o ex-embaixador, quen incidiu en que, en termos de xeoestratexia, o emprazamento xeográfico da península ibérica podería facela “un nó de gran importancia” nesa ruta comercial. “China é o segundo PIB do mundo, pero aquí falamos de xeoestratexia, non só de mercados, senón tamén de proxección, de forza”, salienta o diplomático para quen o país asiático é xa un dos principais actores mundiais. De aí que incidise na súa intervención na importancia de que España aproveite a oportunidade para achegar esta nova ruta, "que nos mapas ingleses remata en Holanda", ao estreito de Xibraltar.

Previamente, o debate iniciouse coa conferencia do investigador da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 Enrique Varela, quen abordou a necesidade de establecer novos métodos de análise científico-social para un “século denominado pola desigualdade, no que os problemas non son nin globais nin locais, senón simplemente complexos”. No seu relatorio sinalou que, no contexto actual, “os actores estatais forman parte máis do problema que da súa solución”, ao tempo que incidiu en que globalización e “correntes neoautárquicas” non supoñen conceptos “enfrontados”, nin tampouco “solucións ás grandes preguntas que se formulan nas nosas sociedades”.

Fonte: duvi.uvigo.es