Oficina CEER
 06-06-2008
A USC súmase á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente difundindo a riqueza natural do campus histórico

A Universidade de Santiago súmase hoxe aos actos do Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra baixo o lema ‘Deixa o hábito! Cara unha economía baixa en carbono’. Nesta ocasión, os esforzos diríxense a chamar a atención sobre a problemática do cambio climático, que fai necesario que países, empresas e comunidades se concentren en buscar o modo de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

A USC leva xa tempo comprometida con esta problemática e dende a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, participa e promove diversas iniciativas para intentar mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á actividade universitaria.

Entre estas accións destaca a elaboración dun inventario do patrimonio natural dos campus da USC a partir do cal se publicaron diferentes roteiros verdes. En particular, a partir de hoxe xoves divulgarase un folleto resumo de árbores e arbustos do Campus Histórico realizado en colaboración co Museo de Historia Natural Luis Iglesias e a Oficina Web da USC.

A USC ante o cambio climático O cambio climático é unha das principais liñas de acción do Plan de Desenvolvemento Sostible, que este ano realizou diversas campañas de sensibilización á comunidade universitaria a través de proxectos como a Caravana Universitaria polo Clima, onde estudantes de diversas universidades realizaron actividades de divulgación sobre a problemática. Neste contexto, a USC forma parte da Rede de Universidades polo Clima, un foro de traballo onde se debate sobre propostas que as universidades poden adoptar para mitigar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Por outra banda, a USC aposta polo fomento do uso da bicicleta a través do servizo de préstamo á comunidade universitaria de 300 bicicletas para promover o emprego de medios de transporte máis respectuosos co entorno e menos contaminantes.

Destaca tamén un estudo sobre a pegada ecolóxica en dous centros universitarios nos que se avalían as emisións de dióxido de carbono asociada á actividade universitaria. Na actualidade trabállase en ampliar este estudo á totalidade da USC.

Ligazóns relacionados:
As actividades promovidas polo Plan de Desenvolvemento Sostible en relación ao cambio climático poden ser consultadas na web www.usc.es/plands ou consultando con plands@usc.es.