Oficina CEER
 10-06-2008
Na facultade de Químicas da Universidade de Vigo acordan impulsar a docencia en galego, inglés e castelán coa aprobación dun Programa de plurilingüismo

Química convértese na primeira titulación da Universidade de Vigo en apoiar en Xunta de Facultade un proxecto de Programa de promoción do plurilingüismo que ten como obxectivo crear as condicións para favorecer a aprendizaxe de competencias lingüísticas en castelán, galego e inglés no ámbito da química.

“Participar do programa é voluntario para os docentes, aínda que existe un certo consenso no profesorado dado que é un valor engadido á docencia”, apunta Luis Muñoz, decano da Facultade de Química que fai fincapé na importancia que para unha titulación como esta ten o dominio do inglés “trátase de que quen queira poda aprender química en inglés sen que lle custe máis, sen avaliar o inglés, se non a química que sabes ou non sabes”, aclara Muñoz. Para acadar o obxectivo de impartir un terzo da docencia en galego, un terzo en castelán e un terzo en inglés, a Xunta de Facultade sinala no acordo acadado que cómpre ter coordinación a nivel lingüístico dentro do centro, ademais da xa habitual coordinación metodolóxica e de contidos.