Oficina CEER
 12-06-2008
A Consellaría de Cultura e a Universidade da Coruña medirán e debuxarán os planos das máis de 350 fortalezas de Galiza

A Consellaría de Cultura e a Universidade da Coruña asinarán un convenio para realizar a definición gráfica e planimétrica de todas as fortalezas de Galiza. Os máis de 350 exemplos de arquitectura militar e defensiva do país contarán con definición gráfica e planimétrica, o que permitirá coñecer en profundidade estas construcións, e facilitará á Dirección Xeral de Patrimonio valorar próximas actuacións e cuantificar as necesidades de intervención.

O convenio será aprobado este xoves polo Consello da Xunta, e supón a achega de 72.000 euros por parte da Consellaría de Cultura para o desenvolvemento do proxecto nos anos 2008 e 2009. O equipo que o levará adiante pertence ao Departamento de Representación e Teoría Arquitectónica da Faculltade de Arqueoloxía, e está dirixido polos profesores José Antonio Franco Taboada e Santiago Tarrío Carrodeguas.

O equipo tomará os datos das fortalezas das provincias de Lugo e Pontevedra, que se sumarán ás medicións xa realizadas nas da Coruña. Nunha seguinte fase estudaranse as de Ourense. O traballo que realizarán iníciase coa visita aos lugares nos que se atopan estruturas defensivas. Alí farán as medicións para a realización da definición gráfica e planimétrica, que se completará con documentación fotográfica.

Este estudo permitirá no futuro reunir toda a información xerada nunha publicación, que faga posible aos investigadores achegarse máis facilmente á realidade construtiva destas edificacións, de cara á realización de traballos de investigación.

Os inmobles que se van estudar son todas as estruturas defensivas e militares de Galiza, consideradas Ben de Interese Cultura (BIC): castelos, fortalezas, baterías de costa, casas-torre, casas-forte, etcétera. En total, Galiza conta con máis de 350 edificacións deste tipo, das cales, 100 atópanse na Coruña, 170 en Lugo, 40 en Ourense e 50 en Pontevedra.

Convenios coas universidades
Este convenio coa Universidade da Coruña forma parte dunha serie de acordos de colaboración para o ano 2008 que vai establecer a Consellaría de Cultura e Deporte con universidades galegas. O obxectivo é realizar ao longo deste ano diversos proxectos que teñen como denominador común o estudo e divulgación do patrimonio cultural nas súas diferentes manifestacións.

En total, asinaranse convenios por valor de 398.000 euros. Asinaranse sete convenios coa Universidade de Santiago por 234.000 euros, dous coa Universidade da Coruña por 102.000 euros, un coa Universidade de Vigo por 40.000 euros, e outro co Centro Asociado da UNED da Coruña por 22.000 euros.