Oficina CEER
 04-07-2018
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN DO CURSO DE HABILIDADES COMUNICATIVAS

Achegan formación en materia de redacción científica, falar en público e para a realización de presentacións dixitais eficientes.

A redacción científica, falar en público e presentacións dixitais eficientes son os tres módulos que conforman o programa do curso ‘Habilidades comunicativas’. Esta é unha actividade formativa cuxos tres bloques poderanse cursarse de xeito independente cunha carga lectiva de 25 horas cada un e que poderá ser recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. Baixo a coordinación do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), o curso terá lugar ao longo do primeiro trimestre do vindeiros curso tanto no campus de Santiago como no de Lugo.

Redacción científica
O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita e diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de máster, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento.

Falar en público
A finalidade deste módulo é que o estudantado universitario, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecemento significativos, desenvolve as destrezas relacionadas coa comunicación oral xa sexa para a defensa dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso ou a presentación dun proxecto perante público interesado.

Do mesmo xeito, esta iniciativa formativa tenta fortalecer o dominio das capacidades de comunicación de cara á inserción no mercado laboral por ser un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral.

Presentacións dixitais eficientes
Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven ou transicións efectistas de máis son algúns exemplos de erros frecuentes en moitas das presentacións das aulas universitarias.

Co módulo deseñado polo SLN preténdese que, nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. As persoas interesadas en acadar máis información sobre este curso poden consultar a web do SNL.

Fonte: xornal.usc.es