Oficina CEER
 30-06-2008
A USC e a Universidade Pública de Cabo Verde colaborarán no desenvolvemento de proxectos de investigación e programas de ensino

A Universidade de Santiago de Compostela acaba de asinar un convenio marco de colaboración coa nova universidade pública de Cabo Verde. O acordo asinárono no país africano o reitor desa Universidade, Antonio Correia e Silva, e o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto.

A colaboración recolle, entre outros aspectos, o intercambio de docentes, investigadores, persoal de administración, estudantes de grao e posgrao, o desenvolvemento de proxectos de investigación e programas de ensino e extensión conxuntos, así como a promoción de eventos científicos.

No transcurso desa viaxe, o vicerreitor foi tamén recibido polo presidente da República, Pedro Pires, pola ministra de Educación e Ensino Superior e por distintos membros do seu gabinete. Así mesmo, celebráronse reunións de traballo co embaixador de España e o responsable de cooperación da AECID en Cabo Verde.

Nesas reunións estudaron o establecemento de mecanismos de cooperación entre o goberno caboverdiano e a universidade compostelá en materia educativa, centrados especialmente na oferta de mestrados e doutoramentos para estudantes de posgrao de Cabo Verde na USC e na colaboración coas autoridades universitarias para o deseño de estudos superiores nese país.