O MMP (Música e Movemento Partillados/Música e Movimento Partilhados) celebrarase este ano coa Universidade do Minho como anfitrioa, nas cidades de Braga e Guimarães, nos días 20 e 21 de outubro.
Esta é a terceira edición do evento, que xa acolleu a cidade de Vila Real e Santiago de Compostela, coas universidades de Trás-os-Montes e Alto Douro e Santiago como anfitrioas.
Desde hai tres anos, as seis universidades traballan nun proxecto de cooperación cultural eurorrexional dentro do marco da Fundación CEER relacionado coas artes escénicas e musicais baixo o epígrafe "Música e Movemento Partillados/Música e Movimento Partilhados". A idea xurdiu da necesidade de compartir a cultura e a actividade artística xerada nesas institucións e de abrir unha canle de difusión cultural universitaria transfronteiriza que permita establecer sinerxías e fortalezas entre elas nese ámbito.
Os espectáculos son gratuítos e abertos a cidadanía e contarán cunha parte de rúa e outra de interior, na Reitoría da Universidade do Minho. Contarán con música tradicional galega, percusión, danza, jazz con termografía e outras sorpresas.
Pódese consultar a programación dos dous días no enlace que aparece ao pe desta noticia.