Oficina CEER
 15-11-2018
NOVOS ARGUMENTOS CONTRA "A DESMEMORIA DA REPRESIÓN SUFRIDA POLO MAXISTERIO NO FRANQUISMO"

Xosé Manuel Cid aborda esta cuestión no último número da revista "Sarmiento".

A publicación editada polas tres universidades galegas dedica unha monografía a este tema.

No eido da historia da educación, comenta Xosé Manuel Cid, profesor e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, as tres universidades galegas sempre foron xuntas. Mostra e froito desa sinerxía, indica, está a revista Sarmiento, a única editada polas tres institucións académicas. No seu novo número, a publicación dedica un monográfico á depuración do maxisterio practicada polas autoridades franquistas no que o docente aborda o caso de Ourense dando “novos argumentos contra a desmemoria da persecución sufrida polo maxisterio”.

Do número 21 recentemente publicado pola revista, de carácter xa electrónico, Xosé Manuel Cid, membro do seu comité de redacción en representación da Universidade de Vigo, destaca dous aspectos. Por unha banda, unha cuestión de enfoque da publicación, que se “abre aos nosos amigos portugueses” pasando a chamarse Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación, coa entrada de expertos do país veciño no comité asesor e a ampliación do seu ámbito espacial e temático. O segundo aspecto relevante, apunta, é a publicación da “lista máis completa feita ata o de agora” do profesorado morto nas catro provincias galegas por mor da represión practicada polo franquismo.

O caso ourensán
Neste número Xosé Manuel Cid participa ademais de no comité de redacción da revista cun artigo da súa autoría titulado A represión franquista en Ourense: novos argumentos contra a desmemoria da persecución sufrida polo maxisterio. Nel afonda en como “a represión sufrida polo maxisterio en 1936 foi un proceso meditado e organizado para derrubar todo o que lembrase á escola republicana, tanto o seu soporte ideolóxico, como as innovacións metodolóxicas experimentadas nese curto período de renovación e democratización”. Neste marco, apunta, “Ourense foi unha das prazas fortes” na consolidación da escola republicana, cunha poderosa asociación con conciencia de clase e unha revista vangardista, e a resposta dos golpistas pódese cualificar de cruel e desproporcionada”.

Segundo indica o docente no seu artigo, os “amañados” consellos de guerra, os paseos, a destitución e/ou inhabilitación para o exercicio da ensinanza, os traslados, as suspensións temporais de emprego e soldo foron as principais sancións a que se enfrontaban e que padeceu aproximadamente un terzo dos máis de 1700 mestres da provincia. “Os outros dous terzos non se libraron dun férreo control sobre a súa vida privada e o seu exercicio profesional. Moitos dos máis perseguidos evitaron o paso de destituídos a paseados aproveitando a solidariedade dos veciños, das organizacións de axuda a republicanos e das poboacións fronteirizas da raia portuguesa”, comenta no seu artigo.

Entre todas as acusacións, explica o experto en historia da educación do campus de Ourense, a pertenza á Ateo, a Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense, “era de alto risco, polo que os dirixentes tiraron de imaxinación para pórse a cuberto”. De feito, apunta, o número de dirixentes desta asociación paseados redúcese a tres, que, ademais, lembra, “non eran dos mais activos no seu funcionamento. A maior parte conseguiu exiliarse ou permanecer agochada”.

Fonte: duvi.uvigo.es