Oficina CEER
 01-02-2019
O CEER PARTICIPARÁ NO SEMINARIO INTERNACIONAL “O FUTURO DA REXIÓN MEDITERRÁNEA

Promovido pola Generalitat de Catalunya en colaboración coa Comisión Intermediterránea da CRPM e a Eurorrexión Pireneo Mediterráneo, o vindeiro luns 4 de febreiro organízase en Barcelona conxuntamente co traspaso da presidencia da Eurorrexión Pireneo Mediterráneo, da Generalitat de Catalunya ao Govern de les Illes Balears, e o Buró Político da Comisión Intermediterránea da CRPM, un Seminario Internacional sobre o futuro da Rexión Mediterránea. Este ámbito territorial macrorrexional é entendido como un espazo de cooperación multinivel con múltiples actores para responderen aos desafíos comúns dos territorios mediterráneos e da súa cidadanía. Este debate ten lugar nun momento crucial de transición entre períodos de programación da UE e en vésperas das eleccións europeas e da renovación da Comisión Europea.

Neste marco e en relación cos debates máis específicos sobre o futuro das políticas de cohesión, veciñanza e desenvolvemento -especialmente as perspectivas para a cooperación territorial no período posterior a 2020-, os participantes concentraranse sobre o valor engadido e a importancia de despregar máis esforzos para profundar a cooperación mediterránea. Con este obxectivo e co horizonte da próxima década, os organizadores -xunto con outras redes mediterráneas- proporán a posibilidade de selar unha ampla alianza territorial e debatirán sobre unha declaración política que avogue por unha futura estratexia integrada a longo prazo ou un mecanismo de coordinación quen de crear vencellos sólidos entre estratexias, iniciativas, actores chave, fondos de financiamento e instrumentos existentes e futuros. O Director do CEER, Valerià Paül, participará como relator no Seminario.