Oficina CEER
 27-03-2019
BRAZADAS PARA RECADAR FONDOS CONTRA O CANCRO INFANTIL

O Club Natación Escualos Campus da Auga celebra a súa semana solidaria.

Con diversas actividades abertas ao público.

O Club Natación Escualos Campus da Auga está a celebrar a súa semana solidaria. Ata o domingo desenvolve unha serie de actividades na piscina universitaria AQA Ourense para recadar fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro. O diñeiro recadado, indican desde o club, destinarase á investigación contra o cancro infantil e a dar a apoio ás familias ourensás con nenos e nenas que sofren esta enfermidade.

A semana solidaria engloba varios eventos. O mércores 27 habilitarase na piscina AQA Ourense ao longo de todo o día unha rúa de natación exclusiva para esta iniciativa. As persoas que queiran colaborar só terán que indicar na entrada da piscina que nadarán nesa rúa, anotar os metros solidarios realizados e achegar a contribución que desexen. Non fai falla, indican desde a organización, ser abonado do centro. A programación continuará o domingo 31 de marzo a partir das 11.00 h cunha sesión de 50x50 Solidario, unha competición de substitucións por equipos de 5 a 10 nadadores, que teñen que facer 50 series de 50 metros. Para inscribirse nesta actividade hai que facer unha pequena achega. Por último durante toda a semana haberá na piscina petos solidarios e unha caseta de venda de material da Asociación Española contra o Cancro, ademais de sorteo de agasallos entre as e os asistentes.

Fonte: duvi.uvigo.es