Oficina CEER
 05-04-2019
O CEER PRESENTA A ESTRATEXIA TRANSFRONTEIRIZA MIÑO 2030 DIANTE DO CONSELLO CONSULTIVO DA AECT RÍO MIÑO

O pasado día 4 en Valença do Minho presentouse, por parte do CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal), a axenda estratéxica de todo o territorio transfronteirizo do Miño. Este traballo foi a culminación das principais tarefas do CEER no seno do proxecto INTERREG V-A España-Portugal SMART_MIÑO, financiado con fondos FEDER a través do Programa POCTEP. O documento, elaborado co soporte do Consello Científico do CEER, obtivo a aceptación da AECT, e marcará as liñas de actuación da cooperación transfronteiriza dos próximos 10 anos.

Ata 26 organismos de Galicia e Portugal, incluídas cámaras de comercio e asociacións de empresas, participaron no encontro, ao que tamén asistiu a secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional do país luso, María do Céu Albuquerque, en representación do Ministerio de Planeamento portugués. O director da AECT Río Minho, Uxío Benítez, destacou a relevancia deste traballo, "novidoso, tanto polo seu alcance como polo ámbito territorial no que opera, e que servirá para mellorar o grao de integración territorial e a calidade de vida da poboación, con accións dirixidas á promoción do territorio, ao fomento do emprego e á inclusión social". A Estratexia servirá ademais como "porta a un proceso estratéxico continuado, a medio prazo, que permitirá activar o territorio transfronteirizo nunha lóxica unitaria e coherente".

O documento, elaborado no seo do proxecto Smart Minho, servirá como guía das actuacións en materia de cooperación transfronteiriza no territorio durante a próxima década. "A Estratexia é unha ferramenta dinámica coa que daremos forma ás accións futuras no territorio pero para que isto sexa posible – engadiu Benítez – era necesario contar non só coas institucións promotoras senón coa complicidade da sociedade civil, polo que a participación cidadá foi a base de todo este traballo".

A Secretária de Estado de Território do Governo Português fixo fincapé na importancia da estratexia presentada polo director do CEER para fortalecer a cooperación e os lazos sociais, culturais e económicos destas rexións. Destacou tamén a importancia de desenvolver proxectos concretos en base as estruturas e mecanismos xerados pola estratexia e polo consello consultivo da AECT Río Minho. A Estratexia 2030 é o principal produto do proxecto Smart Minho, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (POCTEP 2014-2020), en concreto no seu eixe 4, destinado á mellora da capacidade institucional e eficiencia da Administración pública. Smart Minho é un proxecto liderado pola Deputación de Pontevedra, xunto coa Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER). Durante a implantación do proxecto constituíuse, a comezos de 2018, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT Rio Minho), que pasou a participar tamén nel. Para este organismo, a Estratexia 2030 actúa de axenda de acción para os próximos anos.

Fonte: www.depo.gal e elaboración propia