Oficina CEER
 17-04-2019
OS BANCOS DE TEMPO, A DEBATE NO CICLO “ENCONTROS DE LÚA CHEA” O MÉRCORES 25 NA ESCOLA POLITÉCNICA SUPERIOR DE ENXEÑARÍA

Xosé Martínez Gómez e Lucía Medina Navarro, integrantes do Banco de Tempo de Lugo, achegarán nesta sesión informal as súas experiencias nesta iniciativa comunitaria.

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, celebrará o mércores de 24 de abril, a partir das 20.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, una nova sesión deste ciclo de debates informais que leva por título ‘Bancos de tempo: cando a riqueza non depende do diñeiro’. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.

Os relatores encargados de afondar sobre a realidade as prestacións que poden deparar os bancos de tempo serán Xosé Martínez Gómez e Lucía Medina Navarro, dous dos integrantes do Banco de Tempo de Lugo, que aproveitarán a súa intervención neste foro aberto para narrar algunhas das experiencias vividas ao abeiro dunha iniciativa social de carácter comunitario posta en marcha hai xa unha década.

A elección da temática por parte do colectivo Proxéctate en Galego responde ao interese de coñecer as claves do funcionamento dunha iniciativa que aposta polo troco de servizos e prestacións fronte ao intercambio ou pago de diñeiro. Daquela, a fin de afondar na filosofía que rexe o día a día do Banco de Tempo, os Encontros de Lúa Chea tratan de achegar e reflexionar na próxima sesión sobre experiencias coma esta, que ofrecen espazos para relacións económicas alternativas e axudan a tecer redes de axuda mutua e a reforzar os vínculos entre os membros dunha comunidade.

Fonte: xornal.usc.es