Oficina CEER
 25-04-2019
A PROXECIÓN DO DOCUMENTAL “ESQUECE MONELOS” NA ESCOLA DE CAMIÑOS (UDC) DÁ COMEZO Á PRESENTACIÓN DUN TRABALLO DE INVESTIGACIÓN SOBRE ESTE RÍO

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña acollerá mañá xoves, 25 de abril, ás 12:45 horas, a proxección do documental “Esquece Monelos”, de Ángeles Huerta. Esta película conta o proceso de desaparición do río Monelos na cidade da Coruña, relacionándoo coa perda de memoria do lugar e das persoas que o habitaron no pasado.

A proxeción do documental forma parte da presentación do proxecto “Monelos River Revival” (MonRiveR) dentro dun traballo de investigación da UDC, financiado pola Fundación Alcoa, que ten como obxectivo caracterizar o río Monelos e definir unha metodoloxía para desenvolver actuacións encamiñadas a mellorar a historia do río, o seu papel como fonte de riqueza e lugar de ocio para a cidadanía e, en definitiva, busca implicar e concienciar á sociedade da importante relación entre a súa existencia e a identidade dunha comunidade.

Organizado por cartoLAB e co apoio da Agrupación Estratéxica do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), esta actividade continuará nunha nova sesión o día 2 de maio, onde se explicará a definición do proxecto e habera unha mesa-coloquio na que se desenvolverá como tema principal a restauración de ríos en contornos urbanos, explicaranse as últimas obras de canalización do río Monelos e debatirase sobre o papel dos enxeñeiros nestas transformacións.

A asistencia ás dúas sesións é libre e gratuíta.