Oficina CEER
 29-04-2019
GALICIA ESTREA NA USC UN CENTRO DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOXÍAS INTELIXENTES

Trátase do único centro galego destas características e un dos tres únicos da especialidade de toda España.

O ata agora Centro singular de investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS), acaba de presentar a súa nova identidade como Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, converténdose deste xeito no único neste ámbito existente en Galicia e un dos tres que existen unicamente a nivel nacional. No acto de presentación celebrado no propio centro participaron o reitor Antonio López, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o novo director científico do centro, o catedrático Senén Barro Ameneiro.

O novo rumbo adoptado por este centro singular “é a confirmación dun éxito, unha iniciativa xurdida en 2010 que hoxe é un brillante realidade que redefine os seus obxectivos”, afirmou o reitor Antonio López. Pola súa banda, a conselleira fixo fincapé na importancia do capital humano da investigación universitaria galega, “o voso talento, de científicos do máis alto nivel, é o que que fai que os centros nos que traballades sexan os máis excelentes do Sistema Universitario Galego” . Ademais do cambio da denominación e da definición de novos obxectivos investigadores, esta etapa orientada ás tecnoloxías intelixentes leva parella unha reorganización xa que o profesor Senén Barro será o director científico e o profesor Paulo Félix Lamas director adxunto.

Unha transformación estratéxica
Como novo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, o CiTIUS consolida así a súa aposta científica nun ámbito crucial, o das tecnoloxías intelixentes. Estas tecnoloxías, entre as que se atopan a aprendizaxe automática, as tecnoloxías da linguaxe, a robótica ou a visión artificial, teñen na actualidade un enorme e crecente impacto socioeconómico, que está transformando sectores tan importantes como a industria 4.0, ou a enerxía e o medio ambiente, a saúde e o benestar, a intelixencia de negocio ou os sectores financeiro e de seguros, entre outros.

O catedrático Senén Barro apuntou, segundo datos da consultora McKinsey, que “estamos a falar do maior impacto transformador ata o momento, capaz de achegar 13 billóns de dólares ao PIB mundial en 2030, cun incremento medio anual do 1,2% na produtividade”. Neste mesma liña tamén aludiu á consultora Boston Consulting Group, quen considera que a Intelixencia Artificial, e en particular a aprendizaxe automática, é “a gran forza motriz da industria dixital. Nunha macroenquisa realizada recentemente por esta compañía, máis do 90% das empresas consultadas afirmaron que están a dirixir as súas inversións de maneira maioritaria á cara a este dito ámbito”.

Precisamente, unha das fortalezas do CiTIUS é a transferencia da súa investigación á sociedade e ao tecido empresarial. Así o acreditan resultados como as dúas spin-offs creadas nos últimos catro anos, as empresas Situm e Imagames, que contan xa con preto de medio cento de empregados e presenza en 40 países, ou os contratos de I+D con empresas globais como Indra, IBM, Johnson & Johnson e Babcock, e un bo número de empresas da contorna, como Finsa ou Mestrelab Research.

Fonte: xornal.usc.es