Oficina CEER
 31-10-2019
O CEER PARTICIPA NO OURENSE RURAL SUMMIT

Durante os tres últimos días de outubro de 2019 celebrouse no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil o Ourense Rural Summit (OURS), foro de debate orientado á creación dun think tank denominado International Observatory of Rural Research (ORIO). O evento, organizado pola Universidade de Vigo, contou cunha achega da Deputación de Ourense. O CEER estivo presente nas tres xornadas, tanto con Breixo Martins, coordinador de proxectos en Vigo, como con Valerià Paül, Director.

No OURS participaron 130 persoas, tanto expertos e expertas internacionais sobre estudos rurais como profesorado da universidade anfitrioa, así como axentes do rural galego. As discusións estrutáronse ao redor da economía, a sociedade e o ambiente rurais, cunha atención particular concedida aos obxectivos de desenvolvemento sustentábel (ODS). O traballo levouse a cabo a través dunha metodoloxía participativa deseñada mediante fases sucesivas, da que xurdiu unha estratexia de traballo para o futuro Observatorio. Asemade, na cerimonia de peche asinouse o documento Por unha axenda rural europea.

Expuxéronse boas prácticas internacionais e reflexionouse tamén sobre os erros de políticas públicas xa implantadas, en materias tales como a soberanía alimentaria, o monte, o éxodo rural, etc. En todo caso, a vontade é que o Observatorio poida contribuír positivamente ao sostemento, posta en valor e activación do espazo rural.