Oficina CEER
 23-01-2020
AS MULLERES, PRETO DE DUPLICAR OS HOMES NOS PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE GRAO E DOUTORAMENTO

Os premios entregaranse o 28 de xaneiro no acto de celebración de San Tomé.

Un ano máis as estudantes da Universidade de Vigo son as destinatarias da maior parte dos premios extraordinarios de grao e doutoramento, correspondentes, nesta ocasión, ao curso 2018/2019. O Consello de Goberno aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe a concesión dun total de 70 galardóns, que se outorgarán o vindeiro 28 de xaneiro no transcurso do acto conmemorativo de San Tomé, e dos que 43 corresponden a mulleres e 27 a homes. Do total de premios aprobados hoxe, 47 concedéronse a estudantes de grao e os 23 restantes a alumnado de doutoramento.

Este foi un dos acordos adoptados na primeira sesión do ano 2020 por parte dos membros do Consello de Goberno, que tamén deron luz verde ao calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións de grao, máster e doutoramento para o curso 2021/2022; á normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado; á convocatoria de concesión de anos sabáticos e aos criterios de elaboración da programación docente anual (PDA). A sesión celebrada hoxe, na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa deu lectura ao manifesto a favor das universidades públicas e do Sistema Universitario de Galicia subscrito polo pleno do Consello Social celebrado en Ourense a finais do pasado ano, para a continuación solicitar aos membros do Consello de Goberno a elaboración dun documento de consenso e “en positivo” reiterando o respaldo do órgano de goberno á universidade pública. Así mesmo, o reitor lembrou no seu informe os últimos convenios subscritos pola Universidade de Vigo con entidades como o Banco de Santander, o Concello de Vigo ou a Valedora do Pobo.

Premios extraordinarios de grao e doutoramento
70 alumnas e alumnos de grao e doutoramento da Universidade de Vigo recibirán o vindeiro martes 28 de xaneiro os premios extraordinarios correspondentes ao curso 2018/2019. A sesión ordinaria do Consello de Goberno aprobou hoxe outorgar un total de 47 premios de grao e 23 de doutoramento, que se sumarán aos premios de excelencia de grao e máster e aos Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster, acadando os 149 galardóns, que serán entregados no acto de conmemoración de San Tomé, que se celebrará no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

As e os integrantes do Consello aprobaron hoxe conceder un total de 47 premios de grao, dos que 12 corresponden a titulacións do campus de Ourense, nove a Pontevedra, 18 a Vigo e oito aos centros adscrito dos tres campus. 31 galardóns foron para mulleres e os 16 restantes a homes. Mentres, no caso dos 23 premios extraordinarios de doutoramento, tres corresponden ao ámbito de Arte- Humanidades; oito ao de Ciencias; sete ao de Enxeñaría-Arquitectura e cinco ao Xurídico-Social. Do total de persoas galardoadas, 12 son mulleres e 11 homes.

Aprobación de verificación e modificación de titulacións; anos sabáticos e recoñecementos docentes
Na sesión ordinaria celebrada este mércores, o Consello de Goberno aprobou por asentimento o calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións de grao, máster e doutoramento para o curso 2021/2022. No caso do títulos de grao e mestrado o proceso iniciarase coa presentación da declaración de interese por parte da xunta de centro ata o 20 de febreiro deste ano, prolongándose ata xullo co envío da solicitude da proposta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Mentres, no caso do calendario e procedemento de tramitación de verificación e modificación de programas de doutoramento para a súa implantación o vindeiro curso, o proceso se iniciará coa presentación da expresión de interese por parte da comisión académica de programa de doutoramento ata o 20 de febreiro e rematará en xullo deste ano co envío da solicitude da proposta á Consellería de Educación.

Tamén por asentimento, na sesión de hoxe se aprobou a convocatoria de concesión de anos sabáticos para o curso 20/21 , que contempla que as persoas que o soliciten deberán ter un contrato con vinculación permanente o pertencer ao corpos docentes universitarios, cunha antigüidade non inferior a sete anos continuados e non ter gozado dun sabático con posterioridade ao curso 13/14. O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de febreiro e como regra xeral, non poderá concederse máis dunha licenza por área de coñecemento.

As e os integrantes do órgano de goberno da Universidade de Vigo tamén aprobaron na sesión de hoxe a normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado, que introduce novidades ao igualar as dedicacións docentes en función de sexenios de investigación para todas as figuras de profesorado con vinculación permanente. “Ata agora eran distintas para os catedráticos de universidade, o que levaba a situacións non moi lóxicas como eran que no momento que un titular de universidade con dous, tres ou catros sexenios promocionaba a catedrático, vía aumentada a súa dedicación docente (isto sucedía porque o Decreto Wert así o di)”, explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. Así mesmo, introdúcese a consideración de cargo académico para as persoas que ocupen os postos de coordinación de grao e de coordinación de máster.

Outros asuntos
Na primeira sesión do ano, tamén se aprobaron os criterios de elaboración da programación docente anual (PDA) para este curso 20/21; o teito de horas destinadas a actividades de xestión e apoio nos centros e campus para este curso e o regulamento de réxime interno da Facultade de Dereito.

Por outra banda, o Consello acordou a participación da Universidade no capital social da spin off Blue Structure, promovida polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; así como nas asociacións Infab Hub de innovación dixital nos procesos de fabricación e no polo español de Interop-Vlab, que ten o obxectivo de impulsar unha estratexia común de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías no campo da interoperabilidade das aplicacións e software de empresas, para mellorar a competitividade da empresas. No caso da participación da Universidade de Vigo nestas dúas asociacións, tanto o reitor, como a vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, reiteraron o beneficio que á institución lle reportan este tipo de alianzas á hora de concorrer a convocatoria de axudas europeas.

Así mesmo, na sesión de hoxe acordouse aceptar a doazón por parte da empresa Keysight Technologies ao centro atlanTTic dun sistema de proba de comunicacións sen fíos cun valor superior aos 27.500 euros.

Fonte: duvi.uvigo.es