Oficina CEER
 28-02-2020
DA XERACIÓN NÓS Á NOVA ANTROPOLOXÍA GALEGA

A Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro) é unha asociación de profesionais da antropoloxía que foi constituída no 29 de xuño de 1993, polo que vai de cumprir 27 anos de existencia. Neste período a asociación está inmersa nun proceso de renovación da súa estrutura, estatutos e de reactivación, tomando un novo impulso para loitar por unha antropoloxía que non desexamos que esmoreza.

Agantro ten como obxectivo principal mellorar a profesionalización e desenvolver a antropoloxía, abrindo as canles de comunicación coas administracións, incidindo na inclusión da nosa disciplina naquelas actividades culturais e ofertas de emprego correspondentes á nosa formación. Mais tamén apoiar a posta en valor das múltiples ramificacións da cultura galega e xerar un foro de debate e comunicación no que teñan cabida os diferentes xeitos de entender e practicar a antropoloxía alén da academia, tendendo pontes e fortalecendo as relacións co tecido asociativo que durante tantos anos mantivo viva a investigación e a divulgación.

Como froito destas accións nos últimos anos conseguimos que habilitasen ás persoas con titulación de antropoloxía para a docencia no ensino secundario, a inclusión da antropoloxía nas bolsas de museos e tamén temos canles activos de comunicación coas administracións para informar das nosas posibles funcións e así incluír á antropoloxía noutras convocatorias públicas. Tamén tratamos de tecer redes e potenciar espazos para a conexión e a comunicación entre as persoas asociadas, pular pola investigación antropolóxica, realizar actividades de divulgación e difusión e visibilizar a relevancia da antropoloxía cara á sociedade. Nesta liña de reactivación das actividades relacionadas coa asociación levamos dous anos colaborando coa Mostra de Cinema Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, e no ano 2019 participamos na organización do XIV congreso da Sociedade Internacional de Etnoloxía (SIEF) en Santiago de Compostela co obxectivo de fortalecer a antropoloxia galega e convidar a unhas 1000 persoas asistentes á coñecer o noso traballo. No ano 2019 coa homenaxe de Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas Agantro tamén contribuíu na divulgación das súas achegas á cultura galega. Agantro tamén é parte da Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE) e participamos das reflexións sobre a antropoloxía alén das nosas fronteiras.

Neste sentido estamos a organizar este terceiro congreso Agantro co obxecto de que se convertan nunha cita anual e sirvan de plataforma de encontro para persoas dedicadas á antropoloxía, coa esperanza de acrecentar a nosa presenza e visibilidade na sociedade.

Deste xeito, o “III Congreso de Antropoloxía de/desde/en/para Galiza” procura, en primeiro lugar, tecer redes inter e intradisciplinarias e potenciar espazos para a conexión, o diálogo e a escoita de diferentes propostas e traballos, tanto xa desenvolvidos como en proceso, así como a creación de sinerxías e estratexias para fortalecer a antropoloxía na Galiza. Nestes últimos anos celebramos encontros en Santiago e en Ferrol e no ano 2020 celebramos o terceiro congreso na Fundación Vicente Risco de Allariz, un lugar emblemático para a antropoloxía galega e tamén como forma de honrar a figura de Vicente Risco e o seu papel na antropoloxía galega e a Xeración Nós.

A segunda idea deste congreso é reflexionar arredor do pasado e do presente da antropoloxía nun lugar tan vencellado á historia da nosa disciplina como é Allariz e da man da Fundación Vicente Risco, gran aliada no fortalecemento da antropoloxía galega. Serán benvidas presentacións sobre o papel que tivo e que ten a antropoloxía en Galicia, os distintos percorridos disciplinarios, as mudanzas temáticas, os novos retos que enfrontamos, así como as adaptacións aos cambios e as análises propostas das transformacións socioculturais.

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Programa Congreso