Díptico
Oficina CEER
 09-03-2020
RECOMENDACIÓNS OFICIAIS PARA FACER FRONTE AO CORONAVIRUS

Un Comité de Seguimento presidido polo reitor reunirase a vindeira semana co obxectivo de xestionar unha liña de comunicación permanente coas autoridades.

Os coronavirus son unha extensa familia de virus que poden causar enfermidades tanto en animais como en humanos. Nos humanos, sábese que varios coronavirus causan infeccións respiratorias que poden ir dende o arrefriado común ata enfermidades máis graves. O coronavirus que se descubriu máis recentemente causa a enfermidade por coronavirus COVID-19. A USC recomenda seguir as pautas establecidas pola Organización Mundial da Saúde (OMS), quen cre necesario, para frear a expansión do virus, lavar as mans a fondo e con frecuencia usando un desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón.

Asemade, a OMS considera que é recomendable manter unha distancia mínima dun metro, isto é, tres pés, con respecto a calquera persoa que tusa ou esbirre. Evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca; así como no caso de ter febre, tose e dificultade para respirar, chamar ao 061 e non acudir directamente ao centro de saúde, nin ao hospital, son outras das recomendacións. Ademais, ao tusir débese cubrir a boca cun pano desbotable ou contra o brazo co cóbado flexionado.

Comité de seguimento

Un Comité de Seguimento vai coordinar dentro da USC a situación en relación ao COVID-19. Este grupo, que está presidido polo reitor, reunirase os primeiros días da vindeira semana co obxectivo de xestionar unha liña de comunicación permanente coas autoridades con competencias en materia sanitaria para coordinarse con elas e, en cada momento, actuar do xeito máis eficaz e seguro posible. Ademais do reitor e outros membros do goberno da Universidade, forman parte do grupo responsables do Servizo de Vixilancia da Saúde; da Facultade de Medicina; do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina, de quen depende a área de coñecemento de Medicina Preventiva e Saúde Pública; e do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía.

Tal e como se adiantou no comunicado oficial, e seguindo as recomendacións das autoridades con responsabilidade en materia sanitaria, dende a USC quérese facer un chamamento a evitar a alarma innecesaria e a confiar nas medidas e accións emprendidas polos diferentes países para controlar a epidemia e minimizar os seus efectos. O obxectivo primeiro da USC é o de garantir a seguridade do alumnado e persoal polo que, neste momento, pedimos a todos os membros da comunidade universitaria consultar e seguir os protocolos das autoridades locais, nacionais e da OMS.

Fonte: xornal.usc.es