Oficina CEER
 22-09-2020
14 OBRADOIROS PARA EMPEZAR CON “NOVAS ENERXÍAS” O CURSO ACADÉMICO

O prazo de matrícula está aberto do 28 de setembro ao 7 de outubro.

Co lema de “Novas enerxías!” a programación de obradoiros de extensión universitaria do primeiro cuadrimestre no campus de Ourense xa está en marcha. Nesta ocasión son 14 as propostas que teñen á súa disposición as persoas, membros da comunidade universitaria ou cidadanía en xeral, interesadas en complementar a súa formación en eidos que van desde o teatro á identificación de cogomelos. Entre as novidades incluídas nesta edición están actividades de escritura creativa, maxia, relación corpo-mente e atención ás necesidades de menores en casos de separación. O prazo de inscrición está aberto do 28 de setembro ao 7 de outubro.

“A pesar das dificultades que poidan xurdir pola covid-19 non queremos perder o programa de obradoiros, que é un programa de extensión universitaria absolutamente consolidado nos tres campus da Universidade”, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. Coa posta en marcha desta actividade, engade, “tamén queremos contribuír a recuperar dalgún xeito a normalidade dun curso normal”. A programación, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial, oferta en total 222 prazas, non superando ningún dos obradoiros as 20 persoas e cun prezo de 40 euros para o público xeral e 26 para os membros da comunidade universitaria. Ademais de adaptar o aforo e as condicións de docencia á normativa esixida pola covid-19, a programación tamén adaptou o seu formato á nova realidade. "Como novidade este cuadrimestre ofertóuselle aos promotores dos obradoiros a posibilidade de que escollesen a modalidade presencial ou en liña ou mesmo empezar dun xeito e continuar doutro, escollendo cada un deles diferentes opcións”, comenta Filemón Rivas.

Propostas novas
Entre as novidades desta edición está un obradoiro de introdución ao ilusionismo e á maxia. A actividade, dirixida polo educador social Millán Brea, pretende ofrecer “un achegamento práctico do ilusionismo como recurso didáctico e ferramenta creativa e socializadora, todo isto mediante o estudo de efectos de ilusionismo e a súa explicación”. Outra das novas incorporacións é un taller de escritura creativa en lingua española, dirixido por Noelia Estévez e que quere ser “un achegamento á escrita creativa a través de persoeiros relevantes da cultura emerxente, que tratarán de proporcionar ferramentas e técnicas para a produción de textos propios en distintos xéneros literarios (narrativa, poesía e teatro)”. Xunto a estas propostas, que mesturan a formación presencial e a videoconferencia, chega á programación o obradoiro on-line Estratexias prácticas para responder ás necesidades específicas de fillos e fillas de proxenitores separados, desde a detección á intervención. Esta formación, dirixida por María José Vázquez, pretende dar a coñecer, de forma moi especial aos profesionais do ámbito educativo, psicolóxico e dos servizos sociais, os recursos que existen para apoiar ás familias que están pasando por un proceso de separación e divorcio.

No eido do benestar, volve, pero de xeito virtual, o programa de mindfulness, dirixido polo profesor Stuart McNicholls e “deseñado para iniciar a adultos nunha proposta que combina teoría, prácticas de grupo e prácticas individuais”. O mesmo docente impartirá este cuadrimestre un novo obradoiro, tamén virtual, chamado O tempo do corpo, que se presenta como “unha oportunidade para conectar e equilibrar a relación corpo-mente-emoción ao tempo que melloramos as capacidades físicas a través do estudo e conciencia da estrutura anatómica e sensitiva, o movemento, a atención e a respiración”.

O obradoiro de mindfulness non é o único que volve de edicións anteriores. Despois da boa acollida que tivo a súa primeira edición repítese este cuadrimestre o de identificación práctica de cogomelos, dirixido por María Cabaleiro e no que se mestura a aprendizaxe de conceptos teóricos con saídas de campo. Tamén se celebra unha nova edición do obradoiro de intervencións asistidas con cans e cadelas, dirixido por Xosé Manuel Cid e orientado a explicar os beneficios do uso destes animais en terapia. Xa no eido da informática, Almudena Alonso e María Ainoa ofrecen o obradoiro Metodoloxías innovadoras e novas linguaxes. Robótica educativa, impresión 3D e e-téxtiles, que pretende ofrecer “unha oportunidade para reflexionar arredor das novas linguaxes e metodoloxías innovadoras”. Os tres serán fundamentalmente presenciais aínda que no caso do taller con animais tamén haberá parte en formato videoconferencia.

Continuidade en teatro, danza e gaita
Un curso académico máis volverán a impartirse as aulas de teatro e danza e o obradoiro de gaita do campus, que optan por un formato presencial que pasaría a virtual se así o esixe a evolución da pandemia. As aulas de teatro estarán unha vez máis a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta. A aula de teatro Rosaura está aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia ás e aos que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña ás e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Gepetto. Ademais, o campus conta cun Espazo Danza centrado na danza contemporánea e impartido polo grupo Traspediante. Por último, regresa o obradoiro de gaita galega ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas e no que as e os inscritos, sexa cal sexa o seu nivel de formación, profundan neste instrumento e en xeral na música tradicional galega.

Fonte: uvigo.gal