Oficina CEER
 04-11-2020
O CEER, AS UNIVERSIDADES E A COMISIÓN EUROPEA APOIAN A MOBILIDADE DE PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL NA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL.

O CEER, AS UNIVERSIDADES E A COMISIÓN EUROPEA APOIAN A MOBILIDADE DE PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL NA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL.

O proxecto presentado polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) e as universidades da eurorrexión ven de ser seleccionado polo programa B-solutions promulgado pola Comisión Europea a través da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE). Este proxecto enmárcase dentro do eixo de cooperación institucional. Participan institucións de educación superior de Galicia e do Norte de Portugal como a Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Instituto Politécnico do Porto (U.Porto). Estas institucións colaborarán co CEER e a Comisión para analizar a situación de persoas con Diversidade Funcional nas mobilidades eurorrexionais.

O programa B-Solutions
Esta convocatoria está xestionado pola ARFE grazas ós Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) co apoio da Comisión Europea. Esta convocatoria está especialmente orientada a entidades transfronteirizas así como as institucións que potencialmente as integran. O B-Solutions ten como obxectivo a eliminación de barreiras e obstáculos administrativos en diferentes eixos de cooperación transfronteiriza. O programa aporta o asesoramento de expertos na materia de cooperación transfronteiriza seleccionada co obxectivo de analizar posibles vías de cooperación e solucións potenciais.

Eliminación de barreiras e avaliación 360º da mobilidade de estudantes con diversidade funcional no ecosistema de educación superior da Eurorregión GNP Este proxecto ten como obxectivo a eliminación de barreiras e obstáculos administrativos existentes no sistema universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Concretamente, céntrase nas barreiras a mobilidade universitaria de persoas con diversidade funcional. Grazas a axuda da Comisión Europea, analizaranse os principais impedimentos para o fomento da inclusión e a mobilidade planeando potenciais vías e mecanismos de solución. Este proxecto analizará como poden mellorarse as políticas de inclusión e mobilidade nas universidades da eurorrexión. A mellora nesta liña de cooperación permitirá que alumnos, docentes e persoal de administración e servizos teñan máis facilidades para realizar estancias e desprazamentos a institucións do outro lado da fronteira. Isto aumentará as posibilidades de cooperación en múltiples áreas do coñecemento aumentando as sinerxías e garantindo os dereitos das persoas con diversidade funcional.

O CEER
O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal está composto polas seis universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal. Ten por obxectivos mellorar a cooperación e a innovación das universidades da eurorrexión. Desenvolve proxectos de investigación coas universidades e fomenta a transferencia entre diversos servizos de ámbolos lados da fronteira. Este proxecto nace do claro obxectivo do CEER de fomentar a cooperación universitaria e a inclusión social na eurorrexión. Por este motivo, presentou este proxecto que abre unha nova vía de cooperación dentro da súa estrutura.