Oficina CEER
 04-03-2021
A UNIVERSIDADE DA CORUÑA HOMENAXEA NO 8M ÁS MULLERES QUE TRABALLAN NAS PROFESIÓNS DE COIDADOS NO CONTEXTO DA PANDEMIA DA COVID

A Universidade da Coruña homenaxea este ano con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo ás mulleres que traballan nas profesións de coidados, no contexto da pandemia da Covid-19. Con este motivo, desde a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deportes preparan un programa de actos que ten como centralidade un evento virtual o día 9 de marzo.

Ás 12:00 horas a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deportes, Cristina López Villar abrirá pola plataforma Teams o acto central da UDC do Día Internacional da Muller para dar paso á lectura do manifesto do 8M das Unidades de Igualdad de Género para la Excelencia Universitaria (RUIGEU) que fará Ana María Neira Pena, directora da Oficina para Igualdade de Xénero da UDC.

De seguido intervirá Gemma García Rivera, enfermeira e supervisora de Urxencias no CHUF con “Coidando a pesar do medo”; Laura Franco Montero, enfermeira da UCI do CHUF e ex-alumna da Facultade de Enfermaría da UDC, “Experiencia dunha nova enfermeira na loita contra a pandemia”; e Raquel Martínez Buján, decana da Facultade de Socioloxía da UDC que falará de “Xénero, coidados e benestar en tempos de pandemia”.

Así mesmo os centros están a desenvolver diversas accións con motivo do 8M.

Facultade de Economía e Empresa

Exposición Virtual 8M: Muller, economía e sociedade. A partir do 8 de marzo. Sobre o papel das mulleres na economía e na sociedade a través dunha escolma de obras académicas e de divulgación, novelas e materiais audiovisuais. Breakout educativo 8M: O legado de Erea. A partir do 8 de marzo. A través dun xogo virtual achegarase a diversos contidos sobre a muller na economía e na sociedade.

Facultade de Ciencias da Educación

8 de marzo, das 16:00 ás 21:00 h. Evento en Instagram. As xornadas abordarán, con carácter interdisciplinar, a igualdade de dereitos desde a menstruación. Facultade de Socioloxía

Taller de prevención do acoso na rúa, 9 de abril, 11:30-12:30 horas, a cargo da Fundación Mujeres, no cadro do Programa StandUp. Escola Universitaria de Deseño Industrial

Ciencia con voz de muller. Relatorio impartido pola profesora Ana Isabel Ares Pernas. 3 de marzo, das 12:30 ás 14:00 h, na EUDI. Construción dunha liña de tempo colaborativa no interior e exterior da EUDI para visibilizar o labor dalgunhas mulleres na ciencia, na física e nos inventos nos últimos 200 anos. 8 de marzo, na EUDI. A construción da liña do tempo faraa o estudantado ao longo de todo o día.

Escola Técnica Superior de Arquitectura

Encontro e conversa virtual con: Sabela Losada Cortizas, MaterFEM “Maternidades Feministas Galegas: Arquitectura dos coidados” e Jelena Prokopljević, doutora arquitecta, “Espazo público de proximidade – reto da pandemia”. Evento por Teams, 9 de marzo, ás 12:30h.

Facultade de Ciencias do Deporte e a Actividade Física

Prenda violeta na vestimenta. Na semana do 8-12 de marzo. Mantense toda a semana para facilitar que todos os cursos podan participar. A invitación faise extensiva a PDI e PAS. Mural divulgativo para visibilizar as mulleres deportistas que non son nomeadas polos medios de comunicación. Na semana do 8-12 de marzo.

Máis información: https://www.udc.gal/gl/novas/Dia-Internacional-da-Muller-8M-na-Universidade-de-A-Coruna/