Oficina CEER
 05-10-2021
A UDC SAUDABLE PROGRAMA NUMEROSAS ACTIVIDADES SOBRE NUTRICIÓN, SAÚDE FÍSICA E MENTAL, ERGONOMÍA E MEDIO AMBIENTE AO LONGO DE TODO O MES DE OUTUBRO

Un ano máis, a UDC Saudable pon en marcha o Programa Outubro Saudable que este ano lidera a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) do Campus Industrial de Ferrol. Ao longo deste mes, distintas escolas e facultades da Universidade da Coruña acollerán numerosas actividades sobre nutrición, saúde física e mental, ergonomía e medio ambiente. Participan nesta edición, a número sete, a Oficina para a Igualdade de Xénero, a Oficina de Cooperación e Voluntariado, o Green Campus Ferrol, a Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde, Eroski Center así como boa parte das entidades colaboradoras da UDC Saudable.

No Campus de Ferrol, a EUDI programou numerosas conferencias e actividades para as catro semanas do mes de outubro. Con todo, o xoves 7, o Día das Universidades Saudables, acollerá unha xornada sobre nutrición impartida por profesionais do campo da psicoloxía, da dietética e máis da nutrición da empresa coruñesa Nutriciona. Ese mesmo día, as persoas interesadas, sexan ou non da comunidade universitaria, poderán seguir en liña a conferencia “Alimentación e sustentabilidade: Por que a dietética pode ser clave combatendo o cambio climático?” impartida polo dietista nutricionista Aitor Sánchez García e organizada pola REUPS. Cómpre sinalar que a Cátedra universitaria Vegalsa-Eroski de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa da UDC, colaborará nesta iniciativa coa organización dun pícnic saudable o 28 de outubro.

Pola súa banda, a Facultade de Enfermaría e Podoloxía conmemorará, o xoves 7 de outubro, o Día Internacional da Podoloxía. O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá unhas xornadas centradas na podoloxía deportiva. No marco do Programa Outubro Saudable, o centro programou tamén unha conferencia sobre o patriarcado, a muller e a medicina da man de Carmen Adán e unha camiñada saudable a finais de mes.

No Campus da Coruña, A Facultade de Ciencias, situada na Zapateira, programou, para o mércores 20 de outubro, unha conferencia sobre saúde mental impartida pola psicóloga de FEAFES Galicia, Sonia Ramos Lemas. Pola súa banda, a Facultade de Ciencias da Saúde presenta un programa de conferencias sobre o cancro, o TDAH ou a fibromialxia así como un paseo polo Campus de Oza con cans de terapia.

O Salón de Actos da Facultade de Economía e Empresa, en Elviña, acollerá, a mediados do mes de outubro, unha conferencia sobre alimentación e sustentabilidade da man de Víctor Lama do Fogar do Santiso. Do mesmo xeito, a Facultade de Fisioterapia programou para o día 15 dous ciclos de conferencias sobre o papel da fisioterapia nos centros educativos e a súa evolución no eido da investigación. A maiores, o venres 8, organizará unha andaina de marcha nórdica polo Concello de Oleiros. Por último, a Aula de Graos da Facultade de Informática acollerá unha conferencia centrada na detección temperá dos riscos para a saúde mental mediante a minería de textos impartida polo investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela, David E. Losada.

O programa Espazo Compartido, a Oficina de Medio Ambiente, a Universidade Sénior, a Área de Deportes da UDC e a OCV ofertan tamén numerosas conferencias e actividades. A asistencia é totalmente gratuíta. As prazas presenciais cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Con todo, a maioría das propostas poderán seguirse vía Teams.

Máis información en www.udc.es/es/udcsaudable/