Oficina CEER
 30-06-2022
INVESTIGADORES DE UNIVERSIDADES DA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL, PARTICIPAN NA DIFUSIÓN DOS EFECTOS DESTRUTIVOS DE ESPECIES DE FLORA INVASORA PARA OS ECOSISTEMAS AUTÓCTONOS

A expansión de especies arbóreas invasoras como o eucalipto ou a acacia, supoñen un conflito social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, alé do discurso ecolóxico, que responde a unha carga emocional máis profunda, así como a condicionantes territoriais que transcenden a temática ambiental nun sentido estrito.

Traballos científicos como o publicado polo investigador da USC, Diego Cidrás, conclúen que as “deseucaliptizacións” deben ser concibidas como un conflito paisaxístico e, neste sentido, propón unha serie de medidas que habiliten unha mellor planificación das paisaxes forestais. Estas cuestións foron plantexadas polo investigador na súa intervención os pasados días 24, 25 e 26 de xuño, no marco das xornadas transfronteirizas de “deseucaliptización” e “desacaciación” de Brigadistas, celebradas na Serra da Estrela (Portugal), dentro do proxecto Vémonos no Monte!.

“Vémonos no Monte!” está motivado pola necesidade de sumarse aos esforzos que se veñen desenvolvendo en Galicia e no Norte de Portugal dende hai varios anos por asociacións ecoloxistas coa organización de brigadas desacaciadoras e deseucaliptizadoras, con persoal voluntario, para o coidado dos espazos naturais mais vulnerables pola problemática común da extensión de especies de exóticas invasoras. Nestas accións, foi identificada a demanda de capacitar ás persoas que forman parte dos movementos comunitarios e sociais que se están a organizar arredor de conflitos ambientais locais, rexionais e transnacionais; así como a necesidade de colaborar entre entidades dos territorios veciños de Galicia e o Norte de Portugal, para o intercambio de coñecemento e boas prácticas.

Nestas xornadas unha expedición de 30 brigadistas galegos xuntáronse en territorio portugués con outras tantas voluntarias locais para unha primeira acción de “limpeza dos montes” na Ribeira do Alvôco, freguesía de Vide, concello de Seia, dentro do Parque Natural da Serra da Estrela. O programa foi completado con accións formativas, recoñecidas oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.

Vémonos no Monte!, financiado polo Programa Erasmus Plus, cun orzamento de 60.000 euros; é un proxecto promovido pola Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da Fundación CEER; a Fundación Montescola; e a Asociación Cultural portuguesa Música Lírica.