Oficina CEER
 06-07-2022
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS CURSOS DA UNIVERSIDADE DE VERÁN 2022 DA USC

O programa formativo deste ano ofrece 39 cursos monográficos en 16 localidades galegas.

A Universidade de Verán da USC abre este luns 9 de maio o prazo de inscrición nas actividades formativas de 2022. A oferta desta edición inclúe 39 cursos, seminarios e encontros que se celebrarán nos Campus de Santiago e Lugo e noutras localidades galegas como Baiona, Cambados, Folgoso do Courel, Gondomar, Guitiriz, Lalín, Meis, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Nigrán, Oia, Palas de Rei, Teo e Vilagarcía de Arousa. O programa desenvolverase entre os meses de xullo e setembro a través de actividades de 2 a 5 días de duración que contan con recoñecemento en créditos ECTS.

No catálogo de cursos inclúense diversas propostas en materia de saúde que atenden á prestación de servizos sanitarios, á prevención de risco cardiovascular, á oncoloxía integrativa, á biomedicina, aos virus e enfermidades emerxentes e ás ensinanzas e progresos acadados na loita contra a pandemia, así como ás diferenzas, desigualdades e necesidades condicionadas polo xénero en materia de saúde. A programación presta tamén atención a cuestións vencelladas ao desenvolvemento sostible, á protección do patrimonio material e inmaterial, á salvagarda da paisaxe e á biodiversidade, á economía circular e aos compromisos e desafíos relacionados coa Axenda 2030. A reflexión sobre as desigualdades e as barreiras que afrontan os colectivos vulnerables no seu día a día, os dereitos humanos, as fórmulas para acadar o benestar comunitario, ou a protección contra o maltrato animal forman parte, asemade, desta oferta que se engrosa con achegas á divulgación científica en diferentes ámbitos, á reflexión filosófica sobre a morte, a técnicas de relaxación e potenciación da atención, á didáctica audiovisual ou á intelixencia artificial. Outras actividades arredor da xeografía e a historia de Galicia e das comunidades poboadoras da Península Ibérica, a análise de figuras destacadas da literatura galega, as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da linguaxe ou a introdución aos sistemas de información xeográfica e cartográfica completan o abano de propostas que se desenvolverán nos vindeiros meses.

Matrícula

A inscrición nos cursos da Universidade de Verán farase preferiblemente en liña, a través da páxina específica da Área de Cultura da USC, ou de xeito presencial nos centros de matriculación. En caso de non poder cursala por estes medios, as persoas interesadas poderán contactar por vía telefónica cos secretarías da Universidade de Verán nos Campus de Santiago (881.811.018) e Lugo (982.821.513). A apertura do prazo de inscrición é común para todos os cursos e o seu peche terá lugar dez días antes do inicio de cada un deles.

As dúbidas sobre a oferta e o procedemento de matriculación deberán ser dirixidas ao enderezo cursosdeveran@usc.gal. A información completa sobre a oferta formativa e a matrícula atópase dispoñible nesta ligazón: https://www.usc.gal/gl/servizos/cultura/veran

Fonte: usc.gal